Os gañadores daranse a coñecer na gala de entrega dos premios que se celebrará o 17 de marzo no Teatro Principal de Ourense, ás 20:00 horas
O Colexio de Arquitectos de Galicia dá a coñecer as obras finalistas dos Premios COAG de Arquitectura, que na súa décimo sétima edición contou coa candidatura de 158 propostas visadas, executadas e finalizadas no ámbito territorial da entidade colexial entre o 31 de xullo do 2014 e o 31 de xullo do 2016.
O xurado, que se reuniu o pasado venres 24, seleccionou 5 obras na categoría de vivenda, 5 obras en rehabilitación, 4 en equipamento, 5 en deseño urbano/ espazos abertos, 5 en obras de reforma e interiorismo, 4 en baixo custo, 4 en divulgación e investigación, e 2 en proxecto fin de carreira, quedando desertas as seccións de arquitectura novel e de arquitecturas efémeras. Ademais, o Colexio de Arquitectos de Galicia outorgará este ano o premio especial a toda a traxectoria profesional ao arquitecto Xosé Xavier Suances Pereiro (Ourense, 1932), en recoñecemento ao seu exercicio profesional e con motivo da súa dilatada experiencia como colexiado, xa que mesmo foi decano do Colexio de Arquitectos de Galicia entre 1981 e 1983.
O xurado está composto polo decano do Colexio de Arquitectos, Antonio Maroño, que actúa como presidente. Na función de vogais, a Xunta de Goberno do Colexio designou a dúas arquitectas de recoñecido prestixio, Inês da Silva Pimentel e Guadalupe Piñera Manso. Ademais, forman parte do xurado o director da ETSA de A Coruña, Fernando Agrasar Quiroga, e o responsable da Comisión de Concursos, Formación, Cultura e Comunicación do COAG, Cristóbal Crespo González. E o secretario do xurado é o secretario do COAG, José Luis Sanmiguel Guerreiro. O dictame farase público na gala de entrega dos premios.
Para entregar estes prestixiosos galardóns da arquitectura galega máis destacada do momento, o Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará unha gala o próximo 17 de marzo no Teatro Principal de Ourense (rúa Paz n° 9), ás 20:00 horas. O evento conta coa colaboración de Blancoquintas, Aislux Galicia, Obras y servicios Gómez Crespo, Lledó, Otis, Cortizo e Cristalería Ramos.
Máis información e fotografías sobre as obras finalistas:
http://www.coag.es/premioscoag/candidaturas/visualizacion.aspx