O centro de formación da Cámara de Santiago acollerá o próximo luns dous seminarios sobre o medo escénico e a arte de falar en público

Marcelo Castelo, conferenciante experto en comunicación persuasiva:

“É fundamental interiorizar que o público é o noso aliado e non o noso inimigo”

O experto en comunicación persuasiva e liderazgo, e único membro galego da axencia internacional Thinking Heads, Marcelo Castelo, impartirá o vindeiro luns, 6 de marzo, dous seminarios sobre o medo escénico e a arte de falar en público no centro de formación da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 37).

A primeira xornada, titulada “Bye bye medo escénico”, terá lugar entre as 9:30 e as 14:30 horas. Está destinada a persoas que soportan unha gran ansiedade ante a posibilidade de ter que falar en público, ou que cando teñen que asistir a eventos sociais ou ser o centro de atención soportan un elevado estrés.

O experto sinala que é habitual que as persoas teñan unha “relación tóxica co seu medo” e mesmo algunhas cheguen a crer que ese temor as convirte en persoas singulares ou especiais, transformando ese sentimento en parte da súa personalidade. “O primeiro paso é aceptar que eu non son os meus medos, son quen elixo se desexo empatizar coa miña dificultade para falar en público, dándome por vencido, ou ben co propósito de vencelo. O medo a falar en público non se perde, véncese” –explica Marcelo Castelo–.

Considera tamén que estes talleres poden servir de “cambio de enfoque” para facer fronte ao medo escénico, a modo de “vivencia ou viaxe de descubrimento ao interior dun mesmo” co fin de modificar algunhas crenzas que limitan a capacidad para comunicarse de forma axeitada cos semellantes. “É fundamental interiorizar que o público é o noso aliado e non o noso inimigo” –indica o conferenciante–.

A influencia da comunicación non verbal vai desde o 60% ata o 93% da mensaxe, dependendo do escenario

E ligado a este sentir, Marcelo Castelo impartirá ese mesmo día pola tarde, entre as 16:00 e as 21:00 horas, un seminario sobre “A arte de falar en público”. No taller destacará a importancia da forma de comunicar e as súas consecuencias na vida persoal e profesional dos individuos. Marcelo Castelo dará as claves e técnicas para falar de forma persuasiva ante unha persoa ou un auditorio e poder presentar e defender con éxito ideas, proxectos ou mesmo servizos.
Para transmitir corretamente a mensaxe que se ten na cabeza, Marcelo Castelo considera que a persona transmisora debe crer ao cen por cento o que está dicindo. “Non sempre se vai convencer aos demais das nosas teses. O que podemos é comunicar fortalecendo a nosa credibilidade, aínda que os demais non estén de acordo con nós. Cando me comunico fortalecendo a miña credibilidade é posible que non consiga o efecto desexado hoxe, pero seguro que chegará outro día no que ese efecto se logre” –destaca–.

En canto á linguaxe non verbal, os expertos afirman que a influencia da comunicación non verbal (CNV) vai desde o 60% ata o 93% da mensaxe, dependendo do escenario, e fóra destes datos estatíticos Marcelo Castelo apunta que é determinante na comunicación.

O gran comunicador

O ser humano ten unha capacidade innata para comunicarse de formas moi variadas e complexas. Neste punto, Marcelo Castela apunta que o comunicador “excepcional” nace, pero o “gran” comunicador pódese facer. Na esencia dos seus seminarios está que todos os asistentes rematen sentindo que son grandes comunicadores. “Unha educación castrante ou experiencias inaxeitadamente valoradas poden alimentar a crenza limitante de non ser un bo comunicador, pero reciclando toda ese lixo emocional e traballando poderase desenvolver un potencial innato” –matiza–.

Marcelo Castelo é o único integrante da axencia internacional Thinking Heads que desenvolve a súa actividade profesional en Galicia, acompañando a figuras destacadas como Mario Vargas Llosa, Joseph Stigliz, Mijail Gorbachov ou Felipe González. É autor da teoría de comunicación “La transición de fase” e do libro “El cliente ha muerto. ¡Viva el cliente!”, obra recomendada pola Asociación Española de Responsables de Compras y Aprovisionamientos (AERCE). O experto en comunicación persuasiva e liderazgo é tamén locutor da Cadena SER no programa semanal ¡Shhh! ¡No me lo digas!