Un grupo de cinco arquitectos contrastará a súa concepción do espazo público con obras literarias de todos os tempos
A primeira sesión será ás 19:30 horas na biblioteca da Fundación Eugenio Granel, no Pazo de Bendaña de Santiago (Praza do Toural, 8)
A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia, en colaboración coa Fundación Eugenio Granell, inaugura mañá xoves, día 2, as xornadas “Páxina Par: a lectura dos arquitectos. Espazo urbano”, nas que un grupo de dez arquitectos contrastará a súa concepción da cidade e do espazo público urbano coa dos autores doutras tantas obras literarias de todos os tempos, compartindo cos asistentes a diversidade dos seus intereses no momento da lectura.
As xornadas celebraranse en dúas sesións, que terán lugar mañá xoves e o 23 de marzo, ás 19:30 horas na biblioteca da Fundación Eugenio Granell no Pazo de Bendaña de Santiago (Praza do Toural, 8). Con esta actividade cultural, a delegación pretende dar a coñecer unha faceta distinta do arquitecto, alonxada do seu exercicio profesional habitual. Os arquitectos participantes poñerán en relación a arquitectura e a literatura para evocar o mundo dos soños a través dos seus coñecementos arquitectónicos.
Os participantes da primeira sesión de mañá serán os arquitectos Óscar Andrés Quintela do estudio Arrokabe Arquitectos, María Novas Ferradas de Dialnet, Alfonso Salgado Suárez de Salgado e Liñares Arquitectos e Enxeñeiros, o arquitecto do Consorcio de Santiago Pablo Tomé Ferreiro, e o arquitecto de Domohomo arquitectura e deseño Xulio Turnes Vieites. Analizarán as obras literarias “Breve tratado de la ilusión”, de Julián Marías; “Las ciudades invisibles”, do escritor cubano Italo Calvino; “Las cosas”, do escritor francés Georges Perec; o relato “Lavandeiras nocturnas” da escritora galega Marica Campo; e “La Ciudad de Santiago de Compostela en 1669. La peregrinación del Gran Príncipe de la Toscana Cosimo III de Medici”, do profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela Miguel Taín Guzmán.
Na xornada do xoves-23 de marzo participarán os arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso, Javier Fernández Muñoz de OCHiR, Alberto Redondo Porto de RVR Arquitectos, Susana Rodríguez Carballido de Asesorarq, e Ricardo Varela Fernández do blog Xardíns históricos (http://xardinshistoricos.blogspot.com.es/).