Cada rapaz recibirá un exemplar do conto infantil que narra as aventuras da rapaza e do paxaro no balneario
–Luns-27, ás 17:30 horas na asociación Down Pontevedra “Xuntos” (rúa Rouco nº 1 2º)–
As mascotas de Termas de Cuntis, Termiña e Garza, visitarán o vindeiro luns, día 27, aos nenos e nenas da asociación Down Pontevedra “Xuntos”, no seu local da rúa Rouco nº 1 2º, ás 17:30 horas. O balneario regalará aos pequenos o conto infantil Termiña e Garza, obra do ilustrador e escritor Francisco García Cortés, e lambetadas a cada un dos rapaces.A publicación conta en debuxos e texto breve a historia de dous personaxes de Cuntis, a nena Termiña e a Garza que habita no río Gallo que pasa por detrás do centro termal. O argumento é un xogo no que Garza convida a Termiña a buscar un tesouro no balneario.
Down Pontevedra “Xuntos” é unha asociación sen ánimo de lucro de nais, pais e familiares que traballa pola inclusión das persoas coa Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Foi creada en 1991 para mellorar a calidade de vida destas persoas e as súas familias, con fin de conseguir a súa participación en todos os ámbitos da vida (escolar, familiar, social, e laboral).
Actualmente, a asociación está composta por 103 familias, con membros de diversas idades, desde bebés ata a etapa adulta, da zona norte da provincia de Pontevedra. Tamén atende as súas familias e apoia ás escolas, empresas e á cortorna sociocomunitaria para acadar unha inclusión social real.
Realiza o seu traballo de xeito activo, participativo e cooperativo, con programas de atención ás familias, atención temperá, inclusión educativa, emprego e formación, vida adulta e independente, expresión corporal e programas de ocio.