A conferencia celebrarase mañá martes-21, ás 20:00 horas
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá martes, día 21, dentro das súas actividades do ciclo Martes das Artes, a conferencia “Maruxa Mallo: artista comprometida”. O profesor e cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, ofrecerá a conferencia ás 20:00 horas. A RAGBA homenaxerá no Día das Artes Galegas 2017 á pintora surrealista Maruxa Mallo (Viveiro, 1902 – Madrid, 1995) cun acto o vindeiro 1 de abril en Viveiro.
A charla consistirá nun rápido análise da evolución da vida e obra de Maruxa Mallo, “unha artista total cunha personalidade moi ampla e poliédrica, capaz de utilizar maxistralmente distintos rexistros complementarios: pintora, ceramista, escenógrafa, muralista, diseñadora, teórica da arte e innovadora de universal curiosidade” –explica Nuevo Cal–. Igualmente, o cronista viveirense explicará o particular proceso de concienciación e de compromiso político-social de Maruxa Mallo, así como as distintas influencias e relacións con diferentes figuras dos campos artísticos e culturais, tanto español, como europeo ou americano. Carlos Nuevo Cal escribiu “Maruja Mallo: De prometedora pioneira a artista universal”, publicación que recibiu o XXIII premio Ánxel Fole en 2009.
Carlos Nuevo Cal é presidente do Seminario de Estudos Terra de Viveiro desde a súa fundación en 1995 e cofundador da Asociación de Amigos del Conjunto Histórico de Sargadelos. Pertenceu ao departamento de estudos locais do Consello da Cultura Galega e é colaborador habitual de radio e prensa, ademais de ter coordinado publicacións como “Viveiro en Vivo”. Formou parte tamén do consello de redacción da revista galega de política e pensamiento “Enclave”.
Nuevo Cal participou en diversos congresos da Universidade de Santiago (USC) e doutras institucións con análises sobre Noriega Varela, Leiras Pulpeiro, os irmáns Villar Ponte, Lois Tobío, a pesca na Mariña lucense, a represión e a guerrilla antifranquista, a prensa local ou as sociedades de emigrantes. Entre as súas numerosas publicacións destacan: “O movemento obreiro en Viveiro”; “O primeiro Antón Villar Ponte”, XVII premio Ánxel Fole (2003); “Viveiro unha historia en Fotografía” (2004); “Empresarios de Galicia: un precursor da industria da automoción en Galicia”, volumen coordinado por Xoán Carmona, Vigo (2006); e “O Naseiro de onte a hoxe” (2009).