A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e Balnearios de Galicia comeza un novo curso académico e os alumnos realizarán prácticas en varios balnearios da comunidade
Expertos médicos salientan que o avellentamento da poboación, o incremento das enfermidades crónicas e o estrés fan que o termalismo teña cada vez máis aplicacións na medicina actual
A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia inicia un novo curso académico formando aos futuros facultativos na cura termal. A materia de hidroloxía médica comezou a impartirse na Universidade de Santiago no ano 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia. Catro anos despois nacía, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existía en toda España, e que forma cada ano a máis dun centenar de alumnos.
O doutor Juan Gestal Otero, director da Cátedra e decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, salienta “a importancia de iniciar aos alumnos na utilización desta modalidade de terapia na súa práctica médica”. Nesta liña, os futuros médicos coñecerán as indicacións terapéuticas dos distintos tipos de augas mineromedicinais que existen nos balnearios galegos. Para iso participarán en sesións prácticas durante varias fins de semana nos balnearios ourensáns de Laias (no concello de Cenlle) e Arnoia, nos pontevedreses de Mondariz e Caldelas de Tui, e nos lucenses de Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. Estas xornadas celebraranse ao longo do mes de marzo.
O director da Cátedra destaca “o peso cada vez maior da hidroloxía médica na medicina actual, pois o avellentamento da poboación, o incremento das enfermidades crónicas e o estrés fan que o termalismo teña cada vez máis aplicacións. E indica que “a medicina actual debe considerar outros factores terapéuticos como a balneoterapia para previr e sandar determinadas doenzas”. Nesta liña, asegura que “a cura termal pode favorecer a posibilidade natural de recuperación do organismo”.
“Na actualidade é indiscutible o valor da balneoterapia como factor coadxuvante na prevención, tratamento e rehabilitación de procesos patolóxicos de evolución crónica. A cura balnearia é unha terapia pouco agresiva, suave, ben tolerada, que rara vez ocasiona efectos secundarios” -indica o doutor-. Explica que se trata dunha “terapia complexa que aporta, ademais dos efectos curativos específicos, en función das características da auga e das vías e técnicas de administración, os beneficios das circunstancias ambientais que proporciona o propio balneario”, ao que considera “un lugar ideal para a promoción da saúde”.