Antón Reixa, director do documental: “Móstrase a radicalidade da aposta plástica e o insólito da personalidade de Maruja Mallo”
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) proxectou hoxe “Maruja Mallo. Mitad ángel, mitad marisco”, un documental dirixido por Antón Reixa e producido por Filmanova para a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC), en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e TVE. A RAGBA adicará este ano o Día das Artes Galegas á pintora surrealista Maruja Mallo (Viveiro, 1902 – Madrid, 1995) cunha homenaxe en Viveiro o próximo 1 de abril.
O documental, que foi presentado na RAGBA polo poeta, músico, guionista, productor, director de cine e televisión Antón Reixa, realiza un completo percorrido pola vida e obra desta pintora galega. Profúndase no seu persoal mundo interior e artístico, á vez que se vai detendo en cada unha das etapas artísticas polas que transitou ao longo do século XX e que a levaron desde a figuración ata a abstracción.
O filme dá a coñecer á artista a través das súas propias palabras e das declaracións de amigos e estudosos da súa obra, con imaxes de arquivo e algunha reconstrución da súa vida real do contexto da época. A cinta, de 77 minutos de duración cun guión do artista e escritor monfortino Antón Patiño, conta cos testemuños de Antonio Bonet Correa, Juan Manuel Bonet, Antón Castro, Isaac Díaz Pardo e Estrella de Diego entre outros e simula un collage autobiográfico, feito con fragmentos de fotografías que realiza en Madrid ao inicio dos anos oitenta, cun interesante reconto dos personaxes que foron influíntes na súa vida, como Salvador Dalí –que lle dedicou ese piropo de mitad ángel, mitad marisco–, Andrè Bretón, José Ortega y Gasset, Federico García Lorca, Pablo Picasso, Luis Buñuel ou Ramón Gómez de la Serna.
Antón Reixa explicou que o documental, que foi emitido por La 2 de TVE, fai un percorrido pola biografía e obra de Maruja Mallo, unha muller transgresora coas convencións sociais do seu tempo. “O filme mostra a radicalidade da aposta plástica e o insólito da personalidade de Maruja Mallo” –sinalou–. Ademais, Reixa indicou que hai teorías que suxiren que se a obra de Mallo non fose dunha muller tería máis trascendencia na historia da arte.
Ver documental:
http://www.rtve.es/alacarta/videos/imprescindibles/imprescindibles-maruja-mallo/966721/