O violista francés de orixe grega Tasso Adamopoulos formará a músicos galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece a posibilidade de que intérpretes novos melloren a súa destreza con este instrumento

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do aclamado violista francés de orixe grega Tasso Adamopoulos, que tocará coa Real Filharmonía de Galicia en Santiago e Vigo. Ademais dos alumnos da Escola, tamén poden asistir músicos externos ao centro.

As clases celebraranse o mércores 25 pola tarde, de 18:30 a 20:30 horas; e o venres 27 pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Profesor no Conservatorio de Lyon

Tasso Adamopoulos estudou primeiro violín no Conservatorio de Haïfa (Israel) e logo viola na Academia de Música de Tel Aviv. De volta en Europa, formouse en Holanda e converteuse en viola solista na Orquestra Filharmónica de Róterdam. Foi viola solista da Orquestra Nacional de Francia dirixida por Lorin Maazel.

Recoñecido camerista, ten tocado con prestixiosos músicos, entre eles a pianista portuguesa María Joao Pires. Colabora con regularidade coa Orquestra Nacional de Francia, Orquestra Filharmónica de Radio Francia, Orquestra Filharmónica de Róterdam, Orquestra de París, Orquestra Nacional de Burdeos-Aquitania e Orquestra de Radio Televisión de Luxemburgo, entre outras moitas agrupacións. Ademais, é membro do Sartory Trio e do Cuarteto de Burdeos.

Na actualidade Tasso Adamopoulos é profesor no Conservatorio de Lyon e imparte clases maxistrais por todo o mundo.