Concello, Xunta de Galicia, USC, Cámara de Comercio e Área Empresarial do Tambre crean unha estratexia para a reindustrialización de Santiago cara o ano 2020

Aprobaron esta mañá un documento estratéxico que propón o desenvolvemento dun polo tecnolóxico apoiado na biotecnoloxía e a segunda transformación da madeira denominado Sionlla Biotecmadeira 

O obxectivo é pasar do 5,8 ao 9% de peso industrial no PIB

O Concello de Santiago de Compostela, Instituto de Vivenda e Solo (IGVS), Igape, Universidade de Santiago (USC), Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Asociación Área Empresarial do Tambre asinaron hoxe un acordo de colaboración para a reindustrialización empresarial, promoción do asentamento de empresas e captación de proxectos de investimento para a cidade de Santiago de Compostela.

No acto da sinatura, que se celebrou na sede social da Asociación Área Empresarial do Tambre, participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda e presidenta do IGVS, Ethel Vázquez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria e presidente do Igape, Francisco Conde; o reitor da USC, Juan Viaño; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel. Tamén asistiron o director xeral do IGVS, Heriberto García; o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros; o vicepresidente e o secretario do Tambre, José Fernández Albores e Ramón Lois Lorenzo; o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento da USC, José Manuel Cotos; o asesor do Tambre, Xerardo Estévez, o concelleiro de Urbanismo, Jorge Duarte, e a concelleira de Promoción Económica de Santiago, Marta Lois; e os representantes dos grupos municipais do PP, PSOE e BNG, Agustín Hernández, Francisco Reyes e Rubén Cela.

O obxecto do acordo, que se estenderá ata o 31 de decembro de 2020, é establecer un marco de actuación para realizar intervencións conxuntas no eido da planificación e desenvolvemento das infraestruturas produtivas, formulando propostas cara ao axeitado aproveitamento dos recursos. Ademais, as partes asinantes promoverán o desenvolvemento e a xestión dos fins comúns para todas as zonas da área empresarial, coordinando esforzos e aproveitando as sinerxias que iso comporta para a optimización dos recursos investidos.

Logo da sinatura celebrouse unha xuntanza da mesa de traballo onde as partes aprobaron un documento de acción estratéxica, que propón a creación dun polo tecnolóxico, que denominan “Sionlla Biotecmadeira”, con dúas vocacións definidas: biotecnoloxía e transformación da madeira. Canto a dimensión biotecnolóxica o texto subliña a “importante capacidade latente” da cidade neste ámbito, así como as sinerxias co SERGAS e coas incubadoras empresariais do Concello e da Cámara de Comercio.

A USC posúe 58 grupos de investigación nos eidos da biotecnoloxía e ciencias da saúde, que no período 2013-2015 obtiveron máis de 19 millóns de euros, resultado de 32 proxectos nacionais, 8 internacionais e 692 contratos con diversas institucións e empresas. Nese mesmo período de tres anos presentáronse 26 patentes, das que 8 están en explotación e creáronse 3 empresas de spin off universitario.

En canto ao sector da madeira, o documento estratéxico fala de que a cidade posúe “unha oportunidade de primeiro nivel no aproveitamento da magnífica infraestrutura industrial para abordar a segunda transformación da madeira”. O reto apóiase nos sectores da rehabilitación e no chamado contract, “unha realidade en Galicia”, que é a canle onde se integra a cadea de valor de produtos e servizos para dar unha resposta global e especializada na arquitectura, interiorismo e equipamento hoteleiro e outros espazos de uso colectivo. “O obxectivo último desta valorización tecnolóxica é servir de catalizadora para que a iniciativa privada atope facilidades para os proxectos de transformación real da nosa madeira”, segundo se destaca.

Este modelo de colaboración conxunta –indica a estratexia– axudará en gran medida á reindustrialización da contorna empresarial de Santiago, “incrementando a porcentaxe de PIB en valor absoluto e marcando como obxectivo acadar o 9 por cento en canto ao peso do sector industrial, cando agora está no 5,8 por cento”. O texto engade que con datos de 2012, o PIB industrial de Vigo representa o 21,5 por cento, de Ferrol o 12, da Coruña o 11,72, de Ourense o 9,5, de Pontevedra o 8,3 e de Lugo o 7,6, mentres que a media de Galicia acada o 17,1 por cento, “onde se observa un claro desequilibrio en Santiago”.

Administracións Públicas, Universidade e as organizacións empresariais

Jesús Chenel manifestou que este acordo supón unha continuación do convenio asinado en 2015, pero coa incorporación de todos os grupos municipais do Concello de Santiago, a Cámara de Comercio e a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Sinalou que para conseguir a reindustrialización empresarial, coa promoción do asentamento de empresas e captación de proxectos de investimento para a cidade, é preciso o impulso e os recursos de todas as partes para garantir a “cooperación como fórmula de traballo”. E para asegurar o futuro industrial, Chenel apuntou como horizonte o vindeiro Ano Xacobeo de 2021 para fixar obxectivos e dirixir esforzos.

Jesús Asorey destacou a importancia para Santiago e toda a súa área de influencia desta sinatura convertida en “alianza” entre as Administracións Públicas, a Universidade e as organizacións empresariais. “O peso do emprego público na nosa cidade mitigou os efectos da violenta crise económica que padecimos, pero levou por diante moitas firmas, autónomos e empregos, e arrasou coa xa escasa actividade industrial que xa tiñamos”. Indicou que o seu obxecto é lanzar unha “plataforma estratéxica”, cun horizonte ambicioso e necesario, para desenvolver unha industria sostible en Santiago. “Sería un grave erro conformarnos con morrer de éxito co Camiño de Santiago. De aí que os poderes públicos e as organizacións empresariais teñamos unha enorme responsabilidade ao servizo do territorio no que estamos asentados” –asegurou Asorey–.

Tradición en transferencia do coñecemento e tecnoloxía á sociedade

“Constituímos un bo exemplo de implementación do modelo de colaboración da tripla hélice, na que as capacidades do sector académico póñense aos dispor das necesidades dos sectores económico-produtivos, ao amparo e acompañamento dos diferentes estamentos administrativos implicados”, dixo o reitor en alusión á confluencia das distintas institucións e entidades asinantes neste acordo. Da USC, subliñou a súa “grande tradición” en transferencia de coñecemento e tecnoloxía á sociedade e engadiu a crenza firme de que a “terceira misión da universidade é unha obriga para coa nosa sociedade”.

Pola súa parte, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que este convenio permitirá desenvolver actuacións que faciliten a planificación de novas iniciativas e infraestruturas que contribúan ao asentamento de empresas e á captación de investimentos, o que significa unha “oportunidade para seguir fixando tecido industrial en Santiago e favorecer o seu proceso de modernización”. O conselleiro indicou que o acordo se enmarca tamén na aposta da Xunta pola Industria 4.0, a innovación e a internacionalización das empresas galegas. Neste sentido, destacou que en Santiago existen dous sectores emerxentes para fixar tecido empresarial e crear emprego de calidade: a biotecnoloxía e a industria da madeira, para a que lembrou a posta en marcha da Axencia da Industria Forestal de Galicia.

Ethel Vázquez explicou que o seu departamento continuará a traballar para poñer á disposición das empresas solo en condicións vantaxosas, como as que se ofrecen no parque industrial da Sionlla, con bonificacións do 30% no prezo do solo empresarial. Concretou que esta medida ten permitido que, nos dous últimos anos, se venderan preto de 70.000 metros de solo empresarial a prezos bonificados, máis de 43.000 destes metros no pasado ano 2016. A titular de Infraestruturas tamén indicou que a Xunta seguirá a potenciar a oferta de solo en dereito de superficie –semellante a un alugueiro simbólico con dereito a compra-, que no caso do parque da Sionlla está ligado a sectores singulares, estratéxicos e preferentes para Santiago: a biotecnoloxía e da construción e rehabilitación sostible, polo tanto, todo o relacionado coas ciencias da saúde e coa transformación da madeira.

Finalmente, Martiño Noriega quixo “poñer en valor este espazo de consenso, un camiño que implica a distintos sectores da cidade co único obxectivo de mellorala”. Nesa liña, Martiño Noriega salientou que hoxe empeza un proceso que “de seguro dará boas noticias nos vindeiros meses”, e que crea importantes sinerxias entre “a Universidade de Santiago, que aporta o seu coñecemento, a Cámara de Comercio e a Área Empresarial do Tambre, que aportan a súa experiencia empresarial, e as administracións implicadas, que se comprometen a axilizar as tramitacións e a adoptar as medidas que lles sexan posibles para lograr os obxectivos fixados”.