Reforzarase en particular a seguridade fronte ao lume
O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar as obras de mellora das condicións de uso do Auditorio de Galicia á Unión Temporal de Empresas UTE Auditorio de Galicia por un importe global de 271.125,14 euros. O prazo de execución estimado destes traballos será duns seis meses.
Os arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio responsables deste proxecto son Idoia Camiruaga e Ramón Fernández Hermida. Salientan que “o edificio do Auditorio leva vintesete anos de intenso uso. Debido a isto, amosa unha serie de problemas materiais. Algúns deles derivan, entre outros motivos, dos cambios nas normativas técnicas, en especial nas de seguridade de uso, que deixaron obsoletas as decisións de proxecto iniciais”.
Así, este proxecto pretende aproximar os temas relacionados coas condicións de seguridade do conxunto ás esixencias da normativa actual, en particular no relativo á seguridade antilumes. As actuacións concentraranse na sala principal, a Ángel Brage, e, sobre todo, sobre o seu escenario.
Nesta liña, melloraranse os sistemas de protección antilumes, reforzarase a iluminación de emerxencia e optimizaranse as saídas de emerxencia e a sinalización. A estrutura metálica da sala someterase a un tratamento superficial antióxido e antilumes. E proporanse ademais novos percorridos seguros de emerxencia en caso de lume dende o volume do escenario e o patio de butacas; e, por outro lado, dende a cafetería, a cociña e a sala de exposicións. Ademais, revisarase e actualizarase o Plan de Seguridade e Evacuación existente.
Actuarase nas galerías, afectadas pola humidade
Por outro lado, as galerías do edificio presentan problemas de impermeabilidade, o que provoca pequenas entradas de auga e o crecemento de mofos nalgúns puntos. Varios tramos sofren condensación por falta de ventilación. E nalgúns casos as ferraxes de peche funcionan mal, o que dificulta a súa apertura e a renovación de aire. Ademais, o falso teito de táboas de madeira está deformado e caído en moitas das súas partes; ao tempo que o forxado da cuberta está moi deformado por riba do falso teito. Por estes motivos o corredor está pechado por medo á posible caída das táboas.