A Área Empresarial do Tambre distingue o esforzo empresarial e a aposta polo asociacionismo de vinte empresas do polígono

Jesús Chenel, presidente: “Precisamos industrializar a cidade, porque son as industrias as compañías as que fixan emprego e poboación, e traen consigo consumo e progreso”

Manifestou a súa satisfacción pola inminente construción da variante de Aradas que permitirá retirar da cidade tráfico pesado e industrial, facendo un dobre servizo “empresarial e colectivo”

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) rendeu hoxe homenaxe a vinte empresas situadas no polígono industrial que cumpriron vinte e cinco anos como asociadas en 2016. Son Comercial Regueiro-Risi; Galiport; Recambios Arturo; Estudio Técnico Gallego; Posimar; Alfeco; Editorial Compostela; Inmuebles, vehículos, accesorios (ALSA); Banco Pastor; Galuresa; Tecniagal; Comercial Pardal; Monper; Embutidos Vallina; Rectificados Compostela; Antonio y Delio Gómez Ramos; Transportes Souto; Talleres Vidalfre; Bazar Casa Sole; e Talleres Eléctricos Meixonfrío.

A festa do asociado, que se celebrou na sede da Asociación, contou coa asistencia da concelleira de Promoción Económica do Concello de Santiago, Marta Lois; o deputado provincial responsable de Promoción Económica e Emprego, Xosé Luis García; e o presidente da Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC), Antonio Fontenla; ademais de diversas autoridades locais como os voceiros do PP, PSOE e BNG en Santiago, Agustín Hernández, Francisco Reyes e Rubén Cela, e representantes doutras entidades compostelás, como o vicepresidente da Cámara de Comercio, José Lorenzo Puente, ou a presidenta da sección de hospedaxe da Asociación de Empresarios de Hostelería de Compostela, Sara Santos.

O acto iniciarase cunha charla a cargo do director Xeral de Galuresa –empresa homenaxeada–, Francisco Negreira del Río, para reflexionar sobre os aspectos máis importantes que inflúen no nacemento dunha empresa e a súa necesaria evolución para adaptarse aos inevitables cambios que sofren os mercados. “Non hai fórmulas máxicas, pero si cuestións relevantes tanto no negocio como na familia nas que debemos poñer o foco para aumentar as posibilidades de éxito” –indicou–. De seguido, proxectouse un vídeo das instalacións exteriores das empresas homenaxeadas onde se comentaban as súas principais actividades empresariais.

Na súa intervención, o presidente de AEPIT, Jesús Chenel, deu os seus parabéns ás empresas distinguidas con esta merecida homenaxe por ter cumpridos vinte e cinco anos no Tambre. Compartiu cos asistentes a súa satisfacción por ver xa rematado o novo acceso con catro carrís ao polígono, “unha realidade que agora demanda a modificación da primeira rotonda para combater os atascos en hora punta”.

Como noticia relevante en materira de infraestruturas, Chenel comentou que o vindeiro ano construírase a variante de Aradas, segundo anunciou a Consellería de Infraestruturas ao introducir nos Orzamentos da Xunta de 2017 seis millóns de euros para acometer a obra. “Estamos a falar dunha estrada de pouco máis dun quiilómetro, cunha sección de 20 metros, segundo o proxecto, que nos conectará por abaixo coa Peregrina. Este enlace directo coa estrada de Santiago a Portomouro retirará da cidade tráfico pesado e industrial, facendo un dobre servizo, empresarial e colectivo” –manifestou–.

Así mesmo, Chenel  indicou que o proxecto definitivo e de futuro para interconectar toda a área empresarial sería unir o polígono da Sionlla a través do chamado orbital, que iría desde a rotonda de San Marcos, na autovía de Lavacolla,  ata a autoestrada AP-9.

Parque industrial de Compostela: Tambre, Boisaca, Costa Vella e A Sionlla

O polígono do Tambre, cun millón de metros cadrados, está ocupado ao 100%. Boisaca con 400.000 metros, está ao 70%. Costa Vella, tamén cuns 400.000 metros de superficie, baixa ao 60% de ocupación. E o polígono da Sionlla só ten algúns proxectos en marcha. Con esta panorámica do solo industrial de Santiago, Jesús Chenel explicou que na actualidade a opción é captar firmas destacadas para que se instalen na Sionlla, grazas ás notables bonificacións e incentivos que se ofrecen ás empresas e a adaptación do tamaño e prezo das parcelas. “Hai unha imperiosa necesidade de reindustrializar a cidade, porque son as industrias as compañías que fixan emprego e poboación, e traen consigo consumo e progreso” –apuntou–.

Futuro colectivo

Por outra parte, Jesús Chenel transmitiu aos asociados a conveniencia de fomentar unha maior participación e unión no polígono para “avanzar e seguir conquistando melloras de todo tipo e descubrir novos horizontes sostibles”. Ademais dos xa catrocentros asociados á Área Empresarial, o presidente cre que para manter a aura de seguridade que ofrece o polígono débese contar con máis apoio empresarial que garanta o futuro colectivo. “Desde a xunta directiva queremos propiciar alianzas solidarias, que repercutan no beneficio de todos ao menor custo posible. Pero para logralo, primeiro hai que unirse, asociarse, opinar e mesmo esixir” –sinalou–. Nesta liña, Chenel destacou que a Asociación vai poñer en marcha unha campaña para ampliar a masa social, e como incentivo crearanse novas figuras como as de sociios protectores e outras fórmulas imaxinativas. Tamén hai plans emprendedores que poñerán en valor a parcela anexa á Área do Tambre.

En nome dos galardoados, o xerente do Grupo El Correo Gallego, Ángel Remesar, agradeceu a distinción e destacou o “tesón, esforzo, enerxía” e mesmo o risco que asumiron as empresas do Polígono do Tambre nos últimos anos a causa da crise económica para poder sacar adiante os seus proxectos.

jesus-chenel-2