A charla, que se celebrará mañá ás 20:00 horas, estará impartida polo arquitecto José González‐Cebrián
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá martes, día 22, co unha nova conferenica do ciclo Martes das Artes, destinado a sensibilizar e achegar á sociedade o estado actual do patrimonio cultural de Galicia. O arquitecto e catedrático de Urbanismo na ETSA da Universidade da Coruña (UDC), José González‐Cebrián Tello, impartirá unha conferencia titulada “Claves para a intervención en cascos históricos menores en Galicia”. Será ás 20:00 horas no salón de actos da Academia.Na conferencia González-Cebrián tratará de analizar as características propias de diferentes cascos históricos menores en Galicia e proporá unha metodoloxía de actuación encamiñada a salvagardar os seus valores patrimoniais, ao mesmo tempo que formulará a súa adecuación ás necesidades da sociedade actual. “A catalogación e respecto polas edificacións de valor histórico‐arquitectónico deben estar acompañadas por intervencións de mellora ambiental e urbanizadora, xunto cunha integración da arquitectura actual seguindo certas pautas de respecto, inherentes á lectura histórica deses núcleos” –explica o arquitecto–.
José González‐Cebrián Tello é doutor en arquitectura, catedrático de Urbanística e O.T. na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), da que foi director entre 1996 e 2005 e director do departamento de proxectos arquitectónicos e urbanismo entre 2005 e 2013. Tamén foi arquitecto municipal do Concello da Coruña (1977‐1984) e director Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia en 1990. Traballa fundamentalmente en temas de natureza urbanística, realizando plans e proxectos nas súas diferentes escalas, así como traballos específicos sobre o espazo público.