Un equipo de investigadores galegos atopa nas augas mineiromedicinais sulfuradas un tratamento efectivo para deter a evolución da artrose

investigadoresNa actualidade non existe ningún tratamento que cure ou deteña a progresión desta doenza

A Organización Mundial de Termalismo acaba de premiar este estudo pola súa contribución ao termalismo de saúde

Un equipo de investigadores galegos está a estudar os efectos positivos das augas mineiromedicinais sulfuradas de cara a deter a evolución da artrose. Acaban de recibir o VIII Premio Internacional Marcial Campos á Investigación Termal, que concede a Sociedade Internacional de Técnicas Hidrotermais e o balneario galego Termas de Cuntis, en colaboración coa Organización Mundial de Termalismo. O galardón ten unha dotación de 10.000 euros e entregouse no marco do congreso anual da Organización Mundial de Termalismo, celebrado en Italia. A finalidade do premio é promover a investigación científica en termalismo e difundir as virtudes terapéuticas das augas termais.

Os autores do traballo son Ángela Vela, Elena Fernández, Francisco Blanco e Rosa Meijide. Son investigadores do Grupo de Investigación en Reumatoloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e do Grupo de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa da Universidade da Coruña. Empezaron a colaborar en 2012 co obxectivo de estudar os mecanismos biolóxicos responsables dos efectos das augas mineiromedicinais en patoloxías reumáticas. Os resultados que están a lograr xa foron recoñecidos con varios premios internacionais, entre eles o da Asociación Europea de Balnearios, que recibiron este mesmo ano.

A artrose é a patoloxía reumatolóxica máis frecuente en persoas de idade avanzada, provocando dor e incapacidade

A artrose é a patoloxía reumatolóxica máis frecuente en persoas de idade avanzada e provoca dor e incapacidade, afectando gravemente a calidade de vida dos que a padecen. Na actualidade non existe ningún tratamento que cure ou deteña a progresión desta doenza e os tratamentos existentes (combinación de terapia física e terapia farmacolóxica con analxésicos e antiinflamatorios) teñen efectos secundarios indesexados. Así, un dos tratamentos que se está a explorar é a balneoterapia con augas mineiromedicinais sulfuradas.

O traballo galardoado está centrado no estudo dos efectos do sulfuro de hidróxeno, o compoñente activo das augas termais sulfuradas, en relación ao tratamento da artrose. Os resultados obtidos demostran que este composto ten efectos antiinflamatorios e antioxidantes e, ademais, contribúe á inhibición dos procesos de degradación do cartílago, que se producen como consecuencia desta doenza.

O sulfuro de hidróxeno foi identificado como un gas endóxeno, que se produce no organismo como un mediador da inflamación. A relación entre o cartílago e o sulfuro de hidróxeno é o aspecto clave no que se centraron os investigadores galegos. Descubriron que é capaz de reverter o proceso inflamatorio e reducir o estrés oxidativo nas células; de xeito que se retrasa a dexeneración do cartílago articular característica da artrose, co que se podería deter a evolución da doenza.

Os resultados suxiren que a administración de sulfuro de hidróxeno é beneficiosa no tratamento da artrose porque a articulación artrósica presenta uns nives inferiores á articulación sana. Os investigadores salientan, pois, que existen evidencias científicas que apoian o feito de que as augas mineiromedicinais sulfuradas melloran os síntomas dos pacientes que padecen artrose.