A conferencia, incluída no ciclo de arquitectura “Reflexións”, celebrarase o vindeiro venres-18 ás 19:30 horas
A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza o vindeiro venres, día 18, unha nova conferencia do ciclo de arquitectura “Reflexións”, onde destacados arquitectos de ámbito nacional e internacional se achegan ata a sede viguesa para contar aspectos destacables da súa obra e a súa visión da arquitectura. Nesta ocasión, ofrecerá un relatorio o afamado arquitecto Emilio Tuñón, aberto a todo o público da cidade. Co patrocinio de Civisglobal, a conferencia celebrarase ás 19:30 horas na delegación do Colexio (rúa Doutor Cadaval, 5).
Considerado un dos arquitectos máis prestixiosos de España, Emilio Tuñón comentará na conferencia aspectos destacables da súa obra e a súa visión da arquitectura. Ademais, explicará polo miúdo varias das súas obras.
Emilio Tuñón Álvarez (1959) licenciouse na Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (ETSAM) en 1981 e conseguiu o doutoramento na ETSAM no ano 2000. Traballou no estudio de Rafael Moneo ata 1992. En 1990 ingresou como redactor na revista “Arquitectura” e dous anos máis tarde fundou un estudio propio (Mansilla y Tuñón Arquitectos), xunto a Luis Moreno Mansilla, arquitecto e amigo que faleceu en 2012 (actualmente o estudio denomínase Tuñón Arquitectos).
Entre os proxectos desenvoltos xunto a Luis Moreno Mansilla destacan a Fundación Pedro Barrié de la Maza de Vigo, o Museo de Zamora, o Centro Documental da Comunidad de Madrid, a actual Biblioteca Regional Joaquín Leguina, o Museo de Bellas Artes de Castellón, o MUSAC en León, o Auditorio Ciudad de León, o Museo de Cantabria, o Hotel e Restaurante Relais & Châteaux Atrio e o Museo de Colecciones Reales (Madrid). Nos últimos anos, Tuñón deseñou a cúpula do viño en Valbuena de Duero (2012) e a Masterplan de Kalaja e Turres Port (Albania, 2014), entre outras moitas obras.
Tuñón é profesor da Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (ETSAM) e foi docente da Nueva Escuela de Arquitectura de Puerto Rico, da Escuela Internacional de Arquitectura de Barcelona, da Fundación Universitaria San Pablo CEU, ademais de profesor invitado da Städelschule de Fráncfort, da Escuela de Arquitectura de Navarra, tamén da Graduate School of Design of Harvard University EE.UU. e do Princeton University School of Architecture.
Desde 2007, é patrón da Fundación ARQUIA, medalla de Ouro do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSAE) en 2015. Xa en 2004 lle fora concedida a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes polo Goberno de España. Outros dos premios recibidos son o Premio de Arquitectura Española 2003, Premio de Arquitectura Contemporánea Mies van der Rohe 2007, o Francqui Chair 2014 e o Premio COAM 2016 ao estudio Tuñón & Mansilla.