Catro empresas das TIC, de comercialización de produtos galegos de calidade e de marketing olfativo son distinguidas co terceiro premio “Camiño do Emprendemento 2016”

A Cámara de Comercio de Santiago e ABANCA entregaron as bolsas para a estancia dun ano no viveiro de Costa Vella

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela entregou hoxe o III Premio “Camiño do Emprendemento 2016”, co patrocinio de ABANCA, a catro iniciativas empresariais destacadas da demarcación cameral: Os Ventos Innovación e Servizos, María Enríquez Martínez, Siete Olas Comunicación e Ambideleite.Ao acto de entrega de diplomas, que se celebrou na sala de xuntas da entidade compostelá, asistiron o vicepresidente da Cámara, Evaristo Rodríguez; o director de Negocio Institucional de ABANCA Galicia, Asturias e León, José Lino Comesaña; o director da Oficina de Relacións con Institucións de ABANCA, Álvaro Rodríguez Cabo; o secretario xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Barros; e a responsable do viveiro de empresas de Costa Vella, Rosa Cardeso.

Esta distinción é un recoñecemento que pretende promocionar estas ideas empresariais e prestar apoio para a súa posta en marcha, desenvolvemento e consolidación, coa finalidade de axudar á reactivación da economía e o emprego dos trinta e dous concellos da demarcación cameral.

O premio cubrirá o 50 por cento dos gastos da estancia no viveiro de empresas de Costa Vella durante un ano aos proxectos distinguidos coa bolsa completa –Os Ventos Innovación e Servizos e María Enríquez Martínez–, e o 25 por cento para os proxectos que comparten premio –Siete Olas Comunicación e Ambideleite–. Os gañadores poderán solicitar as liñas de financiamento presentadas por ABANCA con condicións financeiras preferentes (a concesión do financiamento estará suxeita, en todo caso, á previa análise do risco por ABANCA).

Durante ese tempo, os emprendedores, ademais do servizo de aloxamento, infraestrutura e logística, recibirán servizos de acompañamento, consultoría, titorización e mentorización dos seus proxecto empresariais coa finalidade de favorecer a súa arrincada, creación e consolidación para mellorar as súas expectativas de implantación e supervivencia empresarial. O emprendedor instalarase na mellor incubadora empresarial de España, distinguida con este recoñecemento polo informe Funcas das Cajas de Ahorros, e pasará a formar parte da maior rede empresarial de Europa –Rede Incyde–.

O xurado –composto por José Lino Comesaña e Álvaro Rodríguez Cabo, de ABANCA, e por Rosa Cardeso e Sandra Becerra, da Cámara– tivo en conta na súa decisión o nivel de desenvolvemento do proxecto, o seu carácter innovador, o volume de investimento, o grao de proxección nacional e internacional, a posible xeración de postos de traballo e a experiencia previa dos participantes.

Tecnoloxías da información e comunicación

A empresa Os Ventos Innovación e Servizos está especializada en tecnoloxías da información e comunicación, cun equipo de profesionais que leva anos desenvolvendo tecnoloxías e sistemas de información. A súa promotora, Raquel Toja Gómez, explica que a idea de negocio é desenvolver tecnoloxías “diferenciadoras” que axuden a posicionar á empresa no mercado como prestadora de servizos tradicionais, pero sen pretender a fabricación de tecnoloxías que sexan explotadas por outros. Ofrécense servizos de consultoría de modernización, xestión cultural, apoio a servizos sociais ou servizos de TIC. O seu obxecto é posicionarse no mercado como un axente máis que ofreza servizos ás Administracións Públicas de ámbito europeo e multinacional.

O xurado outórgalle o premio polo nivel de postos de traballo que se prevé crear nos primeiros anos de funcionamento da empresa, o nivel de investimento a acometer e a formación e experiencia da propia promotora, que é enxeñeira informática e doutora en matemática aplicada.

Mar e terra en produtos galegos de calidade

A emprendedora María Enríquez Martínez conseguiu esta bolsa cun proxecto centrado na comercialización de conservas e produtos galegos de calidade, coa finalidade de divulgar e vender produtos agroalimentarios e do mar englobados nunha marca paraugas que se está a desenvolver actualmente para a súa inclusión no mercado nacional e internacional.

A gama de produtos principais serán os relacionados co mar, pola súa calidade e boa imaxe exterior. Irán acompañados doutros produtos como embutidos de porco celta, carnes, marmeladas, mel, queixos de diversas denominacións e doces. Dentro da categoría de produtos do mar, comercializaranse “snacks saudables”, a base de patés de ourizos, percebe ou mexilón, salpicóns de marisco ou croquetas de marisco; “pratos principais como os canelóns de marisco, guiso de arroz con polbo e rape con patata confitada e salsa de ourizo; e “produtos específicos para a alimentación senior e infantil” con cremas, purés e pratos preparados adaptados aos requisitos de cada idade.

O xurado optou por premiar a María Enríquez Martínez pola súa experiencia no sector, ao ter xa traballado con cooperativas produtoras do queixo de San Simón da Costa, polo carácter innovador do proxecto empresarial e a súa proxección nacional e internacional.  

Imaxe de marca empresarial

O emprendedor Javier Herranz Lorente foi premiado coa metade dunha bolsa do premio polo proxecto empresarial “Siete Olas Comunicación”, destinado ao sector da comunicación e marketing para empresas. O obxecto é axudar a profesionais e empresas a desenvolver e mellorar a súa imaxe de marca, difundindo as súas actividades en redes sociais, webs corporativas e buscar o mellor posicionamento nos buscadores, realizando campañas de marketing online e presencial, vídeos promocionais de novos produtos e ofrecendo formación orientada a formentar as habilidades e capacidades de comunicación. Dirixirase principalmente a empresas do sector da hostalería, vinícola, automoción e asociacións e clubes. O xurado valorou o uso das TIC e o nivel de postos de traballo a crear.

Aromatización de espazos e eliminación de olores

O emprendedor José Luís Otero Bouzón consegue tamén a metade dunha bolsa do premio de emprendemento. Cansado da falta de oportunidades laborais e da súa mala calidade, idea un proxecto innovador nun sector pouco explotado en Galicia. Crea Ambideleite, dedicada ao marketing olfativo, aromatización de espazos e eliminación de olores para todo tipo de empresas.

Ambideleite abarca todo tipo de clientes, desde particulares de inmobles e comunidades de propietarios, con produtos especiais para a eliminación de malos olores de mascotas, en hostalería con servizos para hoteis, albergues, restaurantes, bares e pubs, entidades sanitarias como xeriátricos, centros de día ou hospitais, e para todo tipo de negocios comerciais. O xurado concedeulle o premio polo seu carácter innovador e a orixinalidade do proxecto.

premio-camino-do-emprendemento-2016-entrega-diplomas-foto-santi-alvite