O Colexio de Arquitectos de Galicia forma aos profesores de Santiago sobre os recursos educativos para Educación Secundaria do ProxectoTERRA

Preséntase a publicación “PAGUS. Galicia, un país de paisaxes” que recolle imaxes do centro histórico, parques e zonas verdes da cidade compostelá

Celebrarase unha xornada de formación no Centro de Formación e Recursos mañá sábado, a partir das 10:00 horasO Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará mañá sábado, 12 de novembro, unha xornada de formación para o profesorado, integrada no Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, sobre os novos recursos educativos para Educación Secundaria elaborados polo ProxectoTERRA na sede do Centro de Formación e Recursos de Santiago (rúa Lamas de Abade, s/n)), en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Coincidinco co inicio do curso e co ánimo de facilitar a utilización dos novos recursos elaborados polo ProxectoTERRA sobre paisaxe, nesta xornada farase a presentación da publicación “PAGUS: Galicia, un país de paisaxes”, enviada xa gratuitamente a todos os centros de Educación Secundaria de Galicia. A publicación é un proxecto multidisciplinar e aberto a múltiples encadres didácticos dentro do marco do ensino secundario obrigatorio.

A obra preséntase en dous volumes, o libro do alumnado e a guía do profesorado e ten como marco de referencia o Convenio Europeo da Paisaxe e o currículos educativos vixentes co fin de seguir os criterios do Consello de Europa sobre a necesidade de fixar obxectivos e metodoloxías na materia de paisaxe e desenvolvemento sustentable no eido do ensino obligatorio. Deste xeito, PAGUS enmarca os seus obxectivos na aprehensión das distintas miradas, interpretacións e análises que o alumnado galego pode acadar de diversas realidades paisaxísticas do territorio que habita, ademais de fomentar o sentimento de pertenza a unha comunidade da que son axentes activos e, todo iso coa finalidade de formar cidadáns e cidadás do futuro.

Dentro das 15 paisaxes recollidas en PAGUS, a cidade de Santiago é unha das máis destacadas, ademais de Vigo. A importancia de Santiago no imaxinario colectivo das xentes do país faina inseparable da conformación da súa identidade, baseada non só na tradición xacobea senón en acoller un patrimonio construído herdado, absolutamente excepcional, e que se ven reforzando desde hai anos grazas ao seu planeamento que a recuperación e posta en valor do centro histórico e parques públicos e espazos verdes.

“Os parques de Santiago son absolutamente excepcionais no noso país. Temos que celebralo e tomar consciencia e exemplo no proceso de mellora dos lugares que habitamos” –declaran os arquitectos composteláns–.

Proposta de actividades coa súa correspondente guía:

http://proxectoterra.coag.es/paisaxe/

santiago-pedroso