O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, ofrecerá unha conferencia na Cámara de Comercio sobre os valores antropolóxicos do Camiño

Será o vindeiro 9 de novembro, ás 20:00 horas no salón de actos da entidade cameral

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela continúa este mes de novembro coa programación do seu ciclo de conferencias, destinado a analizar a situación económica, social e cultural do país, convidando a personaxes de gran relevancia en diferentes ámbitos. O próximo convidado será o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio. Ofrecerá o 9 de novembro unha conferencia, ás 20:00 horas no salón de actos cameral, sobre “Os valores antropolóxicos do Camiño de Santiago”.

Julián Barrio naceu en Manganeses de la Polvorosa (Zamora) e cursou estudos de Humanidades e Filosofía no Seminario Diocesano de Astorga. Licenciouse en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca (1971), doutorouse en Historia da Igrexa pola Universidade Pontificia Gregoriana de Roma (1976) e licenciouse en Filosofía e Letras, Sección de Xeografía e Historia, pola Universidade de Oviedo (1979).

O arcebispo de Santiago de Compostela preside a Igrexa compostelá desde febreiro de 1996, data na que tomou posesión da Sede para a que foi nomeado polo Papa Juan Pablo II en xaneiro do mesmo ano. Chegado desde Astorga en pleno Ano Xubilar de 1993, foi consagrado na Catedral como bispo titular de Sasabe e auxiliar antecesor. Desde outubro de 1994 ata o seu nomeamento gobernou a archidiócese como administrador diocesano.

O arcebispo recibiu numerosas distincións a longo da súa traxectoria profesional, como son as medallas de honor da Universidade na Licenciatura e Doutoramento de Historia da Igrexa na Facultade de Historia da Universidade Pontificia Gregoriana (1974/ 1976). Á marxe do ámbito universitario, Barrio recibiu a medalla de ouro da Cidade de Santiago e o título de fillo adoptivo, foi nomeado cabaleiro da Orde do Santo Sepulcro de Jerusalén e forma parte da Confraternidade de Nosa Señora da Conceçao. Ademais, é capelán da Gran Cruz Conventual “Ad honores” da S. O. Militar e Hospitalaria de San Juan de Jerusalén de Rodas e de Malta, medalla de ouro do Concello de Vila de Cruces e recibiu o premio de Santa Bona da cidade de Pisa (Italia).

Barrio escribiu diversas publicacións sobre temas eclesiásticos, entre as que destacan “La formación de los sacerdotes del mañana” (1989), “Peregrinar en Espíritu y en verdad. Escritos Jacobeos” (2004) e “Peregrinando en esperanza. Lectura creyente de la realidad actual” (2007).

jesus-asorey-e-julian-barrio