A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC rememora ao xeógrafo galego Domingo Fontán cando se cumpren 150 anos do seu pasamento. O escritor Marcos Calveiro e o profesor Francisco Durán intervirán na mesa redonda que se celebra mañá mércores ás 19 horas no Paraninfo da USC sobre o autor do primeiro mapa topográfico de Galicia

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (Alumni USC)

celebra mañá mércores unha homenaxe ao insigne xeógrafo galego Domingo Fontán (Portas, 1788 – Cuntis, 1866) cando se cumpre o sesquicentenario do seu pasamento. Unha mesa redonda sobre a súa vida, obra e legado no Paraninfo da universidade (facultade de Xeografía e Historia), ás 19 horas, e un percorrido posterior polas pegadas de Fontán na propia facultade (mapa, teodolito, retrato) conforman os actos previstos.

A mesa redonda, que estará moderada polo mestre e tesourerio de Alumni USC –Agustín Pena–, estará composta por Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968), premio de narrativa breve Repsol 2015 pola súa obra Fontán (Editorial Galaxia. Vigo, 2015); e Francisco Durán, (Ferrol, 1961), doutor e profesor de Análise Xeográfica Rexional na USC.

Calveiro afirma que Fontán foi un home adiantado ao seu tempo, que sacrificou moito polo país e un “verdadeiro protonacionalista”. Na súa intervención, o escritor falará do Fontán neno e da súa pulsión por coñecer e medir Galicia. “A miña novela nace da lectura de Arredor de si, de Otero Pedrayo, dese final co protagonista ante o mapa de Fontán”, segundo destaca Calveiro.

Durán, pola súa parte, ocuparase da parte máis científica do xeógrafo e catedrático de Matemáticas Sublimes da Universidade de Santiago. Iniciado nos principios da triangulación xeodésica, Fontán levantaría a Carta Xeométrica de Galicia, cuxo gravado ultimaría en París en 1845, vintenove anos logo de comezar o traballo de campo no de pazo de Sobrecarreira no concello coruñés de Cambre, segundo explica o profesor Durán.

“As características físicas do territorio, co seu relevo e unha xerarquizada rede hidrográfica, a reforma provincial de 1833, coa que foi especialmente crítico, as vías de comunicación, as entidades de poboación e as parroquias, contempladas como unidades delimitadas e independentes, son os principais elementos que aparecen representados na Carta, que pola súa fidelidade permitiron que figurase na base de todos os proxectos de modernización do noso territorio durante máis dun século”, subliña.

2-b-u1448