A EAEM ofrece a posibilidade de que intérpretes novos teñan a oportunidade de mellorar a súa destreza coa trompeta
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do afamado trompetista valenciano Luis González. Ademais dos alumnos da Escola, ofrécense praza para músicos externos ao centro.
As clases celebraranse o xoves 3 de novembro, pola mañá de 10:00 a 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.
Un dos mellores trompetistas españois
Luis González é un dos trompetistas españois máis destacados na actualidade no seu labor como docente e solista. Comezou a estudar trompeta na escola da banda da súa cidade e realizou os seus estudos superiores no Conservatorio Superior de Música de Valencia. Logo formouse en París e en Suecia. Integrou a Orquesta Sinfónica de Baleares “Ciutat de Palma” e foi profesor do Conservatorio Profesional de Palma de Mallorca. Así mesmo, foi trompeta solista da Orquesta Sinfónica de Madrid e profesor do Conservatorio Superior de Música do Liceu en Barcelona.
Tocou coas orquestras sinfónicas máis importantes de España e colabora como primeiro trompeta con agrupacións de gran prestixio como a Orquesta de Cadaqués ou a Royal Concertgebouw de Ámsterdam. É convidado asiduo de cursos e seminarios en toda España e en Portugal, Francia, Finlandia, Luxemburgo, Alemaña, Colombia, Venezuela… Tamén ten sido membro de xurados en prestixiosos concursos nacionais e internacionais. Forma un dúo estable co pianista José Gallego, co que recuperou e gravou o repertorio máis importante para trompeta dos compositores españois dos séculos XX e XXI.
Na actualidade é profesor de trompeta no Centro Superior de Música do País Vasco “Musikene”, actividade que compaxina co seu traballo interpretativo de solista.