A Cámara de Comercio lanza cursos de formación destinados a mellorar a xestión das pequenas e medianas empresas da área de Santiago

A programación iniciarase o vindeiro 7 de novembro con cursos de contabilidade financeira, elaboración de estudos de mercado e un obradoiro sobre a negociación empresarial

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela presenta a súa programación formativa para final de ano con cursos e xornadas sobre informática e novas tecnoloxías, contabilidade e finanzas, recursos humanos, comercio e distribución, busca de emprego, emprendemento, idiomas e formación empresarial para as empresas dos trinta e dous concellos da demarcación cameral.

A entidade programou varias xornadas que tratarán de desenvolver temas demandados actualmente polas empresas, como as técnicas de coaching, a creación e xestión de blogs e de escaparatismo e visual merchandinsing.

Os primeiros cursos inciaranse o día 7 de novembro. Impartirase formación ás pemes destinada a explicar como elaborar un estudo de mercado. O curso pretende dar a coñecer as principais técnicas de investigación, avalialas en función das características da empresa, coñecer a relación entre o mis de marketing e a investigación de mercados e iniciarse no deseño dun plan de investigación. Celebrarase entre os días 7 e 10 nas aulas formativas da Cámara de Comercio, en horario de 19:00 a 22:00 horas.

O mesmo día 7 de novembro inaugurarase un curso de contabilidade financeira informatizada, que se celebrará ata o día 18 en horario de 20:00 a 22:00 horas. O obxecto é que os alumnos obteñan coñecementos para levar a contabilidade dunha empresa. A consultoría laboral, fiscal e contable C&B asociados impartirá a formación destinada a persoas de departamentos de administración de pequenas e medianas empresas con coñecementos teóricos que precisen adquirir habilidades prácticas en materia contable. Ademais de aprender a manexar un programa informático, os participantes analizarán a casuística contable dunha empresa en funcionamento, o que lles permitirá obter os coñecementos para poder realizar a contabilidade dunha empresa real.

E na mesma semana, o día 10 de novembro celebrarase un obradoiro titulado “Penso, logo negocio. O cerebro negociador” na sede cameral en horario de 16:00 a 20:00 horas. O taller está pensado para que os asistentes poidan descubrir como funciona o cerebro humano no momento de negociar, aprender a aplicar principios de influencia social e a tratar con calquera tipo de negociador sexa agresivo, tramposo ou desleal.

Empregabilidade para a mocidade e idiomas

Ademais, a Cámara desenvolverá o Programa Integral de Cualificación y Empleo (PICE), cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). Este programa está dirixido a mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Juvenil, onde a Cámara se sitúa como punto de inscrición de referencia. Impartirase unha formación troncal sobre tecnoloxías da información e da comunicación, empregabilidade e habilidades sociais e inglés, xunto con outras formacións específicas coa finalidade de axudar á mocidade a incorporarse ao mercado laboral.

En relación ao Instituto Cameral de Idiomas de Santiago de Compostela (ICISC), programáronse cursos destinados a mellorar as aptitudes lingüísticas do alumnado. Destacan cursos preparatorios de certificados oficiais de inglés, francés e alemán, homologados por University of Cambridge, Institut Français e Goethe-Institut. As clases impartiranse en quendas de luns e mércores e martes e xoves en horario de 18:30 a 20:00 ou de 20:00 a 21:30 horas.

Por outra parte, a Cámara de Comercio de Santiago celebrará accións formativas en colaboración con intitucións como Galicia Business School, a Escola de Negocios Afundación (IESIDE Business Institute) e IFFE Businees School.

Formación a medida

Para mellorar esta proposta formativa, a Cámara de Comercio de Santiago deseña unha formación “in company” con programas específicos creados á medida de cada empresa. A isto súmase a política de descontos da entidade: un 20% para empresas asociadas á Cámara e un 10% ás matrículas anticipadas presentando a documentación pertinente dez días antes do inicio do curso (descontos non acumulables).

gestion