- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en funcións presidiu a reunión do grupo de traballo desta guía na que se analizaron os principais resultados das labores de campo realizadas neste verán
- Salienta o traballo realizado nestes meses que precisou da compilación de múltiples datos, que permitiu elaborar unha ficha por cada unha das preto de 3.800 edificacións analizadas
- Beatriz Mato subliña que se trata dun documento pioneiro en materia de protección e posta en valor da paisaxe e que esixe un esforzo e a posta en práctica de solucións innovadoras
- Reitera que a guía inclúe unha serie de recomendacións e propostas prácticas, de carácter orientativo que poden servir de fundamento e axuda para os plans urbanísticos e instrumentos de ordenación do territorio
- O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia sinalou que se está a conseguir un traballo frutífero con resultados de sorprendente calidade
A Xunta de Galicia rematará o vindeiro mes de novembro os traballos do borrador definitivo da Guía de Cor e Materiais de Galicia. Así o adiantou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, na reunión do grupo de traballo, na que se analizaron os principias datos obtidos ata o momento e na que estivo acompañada pola directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, e o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño Cal.
Antonio Maroño destacou que esta xornada ten un carácter de coordinación e preparación de conclusións onde os seis equipos de traballo, que teñen completada a tarefa de campo e que fixeron cadansúa proposta metodolóxica, buscan acadar a maneira máis homoxénea de presentar o resultado de analizar os edificios “tipo” de cada unha das doce áreas paisaxísticas de Galicia, establecendo en definitiva unha paleta de cores segundo a edificación e os materiais dos revestimentos de cada zona. “É unha tarefa complicada para realizar nun período tan curto de tempo, pero co empuxe da Administración Autonómica estase a conseguir un traballo frutífero con resultados de sorprendente calidade”, sinalou.
Mato recordou que a Guía de cor e materiais é un traballo que se leva a cabo en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, á que se destina un orzamento de 163.000 euros, e que pretende dotar á Comunidade dunhas directrices técnicas, científicas e obxectivas para regular o emprego da cor e os materiais de revestimentos arquitectónicos nas paisaxes de Galicia.
Asemade, Mato Otero destacou o labor e o esforzo dos equipo técnicos (conformados por case 40 persoas con perfís profesionais como: arquitectos, licenciados en Historia da Arte, xeógrafos, deseñadores de interiores, enxeñeiros forestais, profesores universitarios expertos na materia…), pois só o traballo de campo implicou a compilación de datos (fotografías, mostras de cor, coordenadas..), información coa que se elaborou unha ficha para cada unha das preto de 3.800 edificacións analizadas, unha información que foi analizada e revisada polos grupos de traballo en varias ocasións para verificar que o traballo avanza no camiño correcto.
Trátase dun traballo pioneiro en materia de protección e posta en valor da paisaxe que esixe un importante esforzo e posta en práctica de solucións innovadoras; ao tempo que se consegue unha mellor integración paisaxística e se contribúe a unha maior calidade dos espazos públicos.
Os equipos de traballo baseáronse nas 12 grandes áreas paisaxísticas que identifica o Catálogo das Paisaxes de Galicia, polo que vai tratar de procurar acadar analoxías coa arquitectura popular destas áreas. “Na guía plasmaranse unha serie de recomendacións e propostas prácticas, que terán un carácter orientativo e que poderán servir de fundamento e axuda para os plans urbanísticos e instrumentos de ordenación do territorio”, recoñeceu a conselleira de Medio Ambiente.
Por último, Mato engadiu que a valorización da paisaxe pode contribuír de forma notable ao desenvolvemento socioeconómico; polo que coñecer, protexer, preservar e poñela en valor supón coidar da sociedade, do pasado, o presente e tamén do futuro dos galegos.
- Beatriz Mato, xunto coa directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, recibirá aos participantes na reunión do grupo de traballo da Guía de Cores e Materiais.