O decano, Juan Gestal, manifestou a necesidade de que se adopten “canto antes” as medidas pertinentes para resolver a merma de prazas, que representa unha perda de 3 a 3,5 millóns de euros para a Facultade
Foi no marco dos actos conmemorativos do patrón de Medicina
A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago celebrou esta mañá o seu patrón, San Lucas. O centro rendeulle unha homenaxe ao SERGAS, que este ano cumpre o seu 25 aniversario, pola súa colaboración coa Facultade compostelá.
O acto académico contou, entre outras autoridades, coa presenza do reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, en representación do presidente da Xunta; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o decano da Facultade de Medicina da USC, o doutor Juan Gestal; o presidente do Colexio Médico da Coruña, Luciano Vidán; o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Luís Verde; e o profesor José Castillo, neurólogo clínico, director do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.
O acto, amenizado pola Tuna de Medicina, comezou coa lección maxistral sobre “O Sergas e a Facultade de Medicina de Santiago”, que impartiu José Castillo. A continuación, entregáronse as Placas Honoríficas da Facultade a aquelas persoas, con responsabilidades de goberno na Consellería de Sanidade e no SERGAS, que contribuíron de xeito importante durante estes anos ao avance dos estudos de Medicina na Universidade de Santiago.
As personalidades recoñecidas foron José Manuel Romay Beccaría, conselleiro de Sanidade entre 1991 e 1995, e Alberto Núñez Feijóo, secretario xeral da Conselleria de Sanidade entre 1991 e 1996, polo seu apoio á construción do Hospital Clínico Universitario; José Manuel González Álvarez, conselleiro de Sanidade en 2004-2005, polo seu apoio á construción do Pavillón Docente Roberto Nóvoa Santos; e os xerentes do Hospital Clínico Manuel Torres, Manuel Ariza, Jesús Caramés e o actual, Luís Verde. En representación de todos os premiados interveu o presidente do Consello de Estado, Romay Beccaría.
As reivindicacións do decano
A continuación, entregouse un Diploma de Recoñecemento da Facultade á Antiga Tuna de Medicina, con motivo da súa traxectoria de trinta anos. No seu discurso institucional, o decano da Facultade, o doutor Juan Gestal, salientou que “a Facultade de Medicina e o Servizo Galego de Saúde son, como a cara e a cruz dunha moeda, inseparables e necesarias para a formación dos futuros médicos, por iso, desde o primeiro momento en que tivemos coñecemento da celebración dos 25 anos do SERGAS, acordamos sumarnos a ela dedicándolle o San Lucas de 2016”.
“Quixemos tamén aproveitar a ocasión para mostrarlle o noso agradecemento público aos dirixentes da Consellería de Sanidade e do SERGAS que, ao longo destes 25 anos, nos prestaron o seu apoio para o mellor cumprimento das nosas obrigas”. O decano tivo ademais palabras de gratitude para os desaparecidos ex-presidente Manuel Fraga, “que xogou un importantísimo papel na consecución do novo Hospital Clínico”, e o ex-conselleiro Manuel Montero “polo seu comportamento coa Facultade”.
No transcurso da súa intervención, o decano falou da “importante perda de prazas vinculadas un ano tras outro, coa consecuente descapitalización da Facultade, cunha perda de 3 a 3,5 millóns de euros, e unha notable mingua da capacidade e calidade docente”. E insistiu na necesidade de que se adopten “canto antes” as medidas pertinentes para resolver esta situación, “máxime nestes tempos, nos que existe moi boa disposición por parte da Xerencia do Hospital Clínico Universitario e do SERGAS”.
En relación á figura de profesor funcionario vinculado, Gestal sinalou que “é moi importante para a formación dos alumnos de Medicina e non debe desaparecer”. En canto á docencia clínica, lembrou que un elevado número de estudantes realizan todos os días as súas prácticas tanto no Hospital Clínico de Santiago como nos da Coruña, Vigo, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol, así como nos centros de saúde e hospitais comarcais da comunidade.
Os alumnos de Medicina aportan cada ano á cidade entre 8.4 e 9.5 millóns de €
O decano indicou que a titulación de Medicina proporciónalle moito prestixio e importantes recursos económicos tanto á Universidade como á cidade de Santiago. Segundo os datos que aportou, extraídos dun estudo levado a cabo na facultade, o gasto medio mensual dos alumnos é duns 500 euros, o que supón que os 1.870 a 2.120 alumnos de Medicina que residen durante os nove meses do curso en Santiago gastan na cidade, a maiores dos gastos docentes, entre 8.411.465 e 9.535.993 €; ao que cómpre sumar os beneficios económicos que reportan os congresos médicos que se desenvolven en Compostela.
Gestal manifestou que, nos últimos anos, a maioría das prazas de Xefes de Servizo do Hospital Clínico Universitario non foron cubertas por profesores, “e é bo para o hospital e para a docencia que os Xefes de Servizo sexan profesores e, de ser posible, do máximo nivel. Debe corrixirse este sesgo na cobertura das prazas no futuro e, por parte da USC, debemos estimular e favorecer que os Xefes de Servizo e de Unidade do Hospital Clínico sexan profesores, animándoos a que fagan a carreira docente”.
“Medicina cumpre 378 anos e ao longo da súa historia pasou momentos bos e malos e sempre foi quen de se repoñer, e nesta oportunidade tamén o fará” -declarou o decano-. E lembrou ademais que hoxe remata o prazo para que os cinco estudos de arquitectura seleccionados presenten os anteproxectos da nova Facultade de Medicina e Odontoloxía.
Trala intervención das autoridades asistentes e do reitor da USC, no claustro baixo do centro descubriuse un monumento conmemorativo dedicado ao Sergas, obra de Xosé Manuel Méndez. Pola tarde, ás 20:00 horas, no Ateneo de Santiago haberá unha conferencia-concerto sobre “Patoloxía dermatolóxica nas Cantigas de Santa María do Rei Afonso X O Sabio”, que presentará Juan Gestal. O doutor José Carro abordará a introdución médica ás Cantigas de Santa María e o doutor Jorge Romaní interpretará as cantigas sobre a patoloxía dermatolóxica acompañándose dunha zanfona.