Tres emprendedoras do viveiro da Cámara de Santiago asisten en Bruxelas ao encontro do Parlamento Europeo de Empresas

Tamara Rodríguez, xerente de IN&S:

“Concédennos voz e voto ás pemes en temas que nos afectan”

A iniciativa europea forma parte das actividades desenvoltas no marco do Programa de Apoio Empresarial á Muller

As emprendedoras de IN&S –Tamara Rodríguez–, Wayna Consultora –Carolina Lodeiro– e Métodos Aplicados de Formación –Ana Berta Domínguez–, empresas afincadas no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, participaron onte xoves en Bruxelas na IV edición do Parlamento Europeo de Empresas (PEE), un evento organizado pola Asociación Europea de Cámaras de Comercio e Industria (Eurochambres) e o Parlamento Europeo. A inciativa forma parte do marco do Programa de Apoio Empresarial á Muller (PAEM).

As emprendedoras asistiron a varias sesións sobre comercio, mercado único, sostibilidade e competencias. Explicaron que este tipo de experiencias son fundamentais para achegar ás empresas aos órganos de decisión da Unión Europea, especialmente “pola posibilidade de concedernos voz e voto ás pequenas e medianas empresas en temas que nos afectan”  –sinalou Tamara Rodríguez–. Nesta ocasión, as emprendedoras destacaron que os temas máis interesantes foron os relativos aos ámbitos da sostibilidade e competencias profesionais. Por outra parte, o encontro aportoulles a posibilidade de coñecer a outras empresas dos ámbitos estatal e europeo coas que nun futuro poderán establecer relacións comerciais.

En 2015 o Programa de Apoio Empresarial á Muller (PAEM) da Cámara de Comercio de Santiago rexistrou 491 usuarias, 626 demandas de asesoramento, ademais de crear 49 empresas e 57 postos de traballo asalariado durante 2015. Estes datos sitúan á Cámara de Comercio de Santiago no segundo posto do ranking do PAEM en España, segundo o seu nivel de demandas de asesoramento e cooperación, proxectos, empresas creadas, emprego xerado e microcréditos tramitados.

O PAEM ten como obxecto básico sensibilizar ás mulleres e ao seu contorno cara o autoemprego e a actividade empresarial e actuar como instrumento eficaz para a creación e consolidación de empresas. A Cámara de Comercio de Santiago desenvolve desde hai máis dunha década este programa específico de apoio empresarial á muller, que demostrou ser “un instrumento eficaz” tanto para crear e consolidar empresas lideradas por mulleres como para fomentar no xénero feminino cualidades como a cooperación e a innovación empresarial e tecnolóxica. O programa naceu a través dun convenio asinado entre a Secretaría de Estado de Servicios Sociales e Igualdad do Ministerio de Sanidad e a Cámara de Comercio de España, con financiamento do Fondo Social Europeo.

 

tamara-ana-berta-e-carolina-no-parlamento-europeo