A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago celebra este luns os actos conmemorativos do seu patrón, San Lucas

medicinaSerá unha homenaxe ao Servizo Galego de Saúde, que cumpre 25 anos, pola súa colaboración coa facultade compostelá

A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago celebra o seu patrón, San Lucas, este luns, 17 de outubro, con actos durante toda a mañá. Nesta ocasión, o centro renderalle unha homenaxe ao SERGAS, que este ano cumpre o seu 25 aniversario, pola súa frutífera colaboración coa Facultade compostelá.

O pasado martes, a Comisión Permanente da Facultade de Medicina, considerando que é un momento moi oportuno para mostrarlle o seu agradecemento a aquelas persoas, con responsabilidades de goberno na Consellería de Sanidade e no SERGAS, que  contribuíron de xeito importante a que a Facultade cumprira cos seus obxectivos, acordou conceder Placas Honoríficas da Facultade ás seguintes persoas: José Manuel Romay Beccaría, conselleiro de Sanidade e Alberto Núñez Feijóo, secretario xeral da Conselleria de Sanidade no período 1991-1996, polo seu apoio a construción do Hospital Clínico Universitario; a José Manuel González Álvarez, conselleiro de Sanidade en 2004-2005, polo seu apoio á construción do Pavillón Docente Roberto Nóvoa Santos; e aos xerentes do Hospital Clínico Manuel Torres, Manuel Ariza, Jesús Caramés e o actual, Luís Verde.

Ás 10:00 horas comezará o acto académico no salón de actos da Facultade, coa presenza do reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o decano da Facultade de Medicinada USC, o doutor Juan Gestal; o presidente do Colexio Médico da Coruña, Luciano Vidán; o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Luís Verde; e o profesor José Castillo, neurólogo clínico, director do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

José Castillo impartirá a lección maxistral, sobre “O Sergas e a Facultade de Medicina de Santiago”. De seguido actuará a Tuna de Medicina. E, a continuación, entregaranse as Placas Honoríficas da Facultade ás personalidades do Servizo Galego de Saúde, por teren contribuído durante estes anos ao avance dos estudos de Medicina na Universidade de Santiago. En representación de todos os premiados intervirá o presidente do Consello de Estado.

A continuación, entregarase un Diploma de Recoñecemento da Facultade á Antiga Tuna de Medicina, con motivo da súa traxectoria de trinta anos. Logo actuará de novo a tuna, para dar paso ao discurso institucional do decano da Facultade. Trala intervención das autoridades asistentes e do reitor da USC, no claustro baixo do centro descubrirase un monumento conmemorativo dedicado ao Sergas.

Pola tarde, ás 20 horas, no Ateneo de Santiago haberá unha conferencia-concerto sobre “Patoloxía dermatolóxica nas Cantigas de Santa María do Rei Afonso X O Sabio”, que presentará Juan Gestal. O doutor José Carro abordará a introdución médica ás Cantigas de Santa María e o doutor Jorge Romaní interpretará as cantigas sobre a patoloxía dermatolóxica acompañándose dunha zanfona.