Terá lugar este venres, 14 de outubro, no Auditorio de Galicia, ás 18:30 horas
As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos
A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia. O primeiro será este xoves, 13 de outubro, co que arrinca a súa temporada de abono, ás 20:30 horas. Ao día seguinte, o venres, ás 18:30 horas, parte do concerto repetirase para o público máis novo e para as familias, no marco do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!
Este ciclo busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. Neste caso as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. En ambas as actuacións levará a batuta o director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel.
No concerto familiar a orquestra interpretará a Sinfonía nº 4 de Johannes Brahms (1833-1897), a última das sinfonías do compositor romántico alemán. O público asistente, en particular os máis pequenos, terán a oportunidade de achegarse aos músicos, ver de preto e tocar cada un dos instrumentos, os atrís coas partituras, a batuta do director… e gozar das amenas e divertidas explicacións de Paul Daniel. O mestre ensinaralles a importancia e a grandeza desta obra e tratará de transmitirlles aos nenos os valores da música clásica.
Logo do éxito que tiveron a temporada pasada, ao longo desta a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá un total de 5 concertos dentro deste ciclo, dirixido aos máis novos e aos que non teñen a oportunidade de asistir habitualmente aos concertos de abono, a un prezo asequible e nun horario máis accesible. Ademais, seguiranse a celebrar concertos didácticos para os colexios e algúns ensaios estarán abertos ao público.