O Colexio de Arquitectos de Galicia forma aos profesores de Ourense sobre os recursos educativos para Educación Secundaria do ProxectoTERRA

Preséntase a publicación “PAGUS. Galicia, un país de paisaxes” que recolle seis vistas ourensás como O Ribeiro, A Lagoa de Antela, Allariz, ou A Ribeira Sacra

Celebrarase mañá sábado-8 unha xornada de formación no Centro de Formación e Recursos, a partir das 10:00 horas

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará mañá sábado, 8 de outubro, unha xornada de formación para o profesorado, integrada no Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, sobre os novos recursos educativos para Educación Secundaria elaborados polo ProxectoTERRA na sede do Centro de Formación e Recursos de Ourense (rúa Universidade, 18. A Cuña. Mariñamansa), en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Coincidinco co inicio do curso e co ánimo de facilitar a utilización dos novos recursos elaborados polo ProxectoTERRA sobre paisaxe, nesta xornada farase a presentación de “PAGUS: Galicia, un país de paisaxes”, enviado xa gratuitamente a todos os centros de Educación Secundaria de Galicia. A publicación é un proxecto multidisciplinar e aberto a múltiples encadres didácticos dentro do marco do ensino secundario obrigatorio.

A obra preséntase en dous volumes, o libro do alumnado e a guía do profesorado e ten como marco de referencia o Convenio Europeo da Paisaxe e o currículos educativos vixentes co fin de seguir os criterios do Consello de Europa sobre a necesidade de fixar obxectivos e metodoloxías na materia de paisaxe e desenvolvemento sustentable no eido do ensino obligatorio. Deste xeito, PAGUS enmarca os seus obxectivos na aprehensión das distintas miradas, interpretacións e análises que o alumnado galego pode acadar de diversas realidades paisaxísticas do territorio que habita, ademais de fomentar o sentimento de pertenza a unha comunidade da que son axentes activos e, todo iso coa finalidade de formar cidadáns e cidadás do futuro.

Proposta de actividades coa súa correspondente guía:

http://proxectoterra.coag.es/paisaxe/