Os arquitectos promoven o seu papel de construtores dun futuro mellor no Día Mundial da Arquitectura

As sete delegacións do Colexio de Arquitectos programan visitas, conferencias, exposicións e talleres infantís para fomentar o gran potencial da arquitectura e do ordenamento urbano

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebra o próximo luns, 3 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema “Deseñar un futuro mellor”, de acordo á convocatoria anual que fai a Unión Internacional de Arquitectos (UIA), organización que representa a 1,3 millóns de arquitectos de todo o mundo. Fronte a un maior número de desafíos mundiais, o papel da arquitectura, do urbanismo e da concepción arquitectónica é cada vez máis decisivo na construción dun futuro mellor.

Seguindo esta pauta, as sete delegacións galegas do Colexio de Arquitectos de Galicia mobilízanse co propósito de promover o papel dos arquitectos e a súa contribución para aliviar o sufrimento humano e facer fronte aos retos mundiais, así como para mellorar a calidade de vida da cidadanía. Organizarán para a Semana da Arquitectura diversas actividades orientadas a fomentar o gran potencial da arquitectura e do ordenamento urbano e para afrontar o cambio climático e divulgar unha mensaxe sólida, pertinente e accesible.

DELEGACIÓN ACTIVIDADES SEMANA DA ARQUITECTURA
A CORUÑA Proxección nun espazo público do documental

“El derecho a un techito” de Arquitectura Sen Fronteiras

FERROL Exposición “Antes e despois: Rehabilitación dunha cidade” e

“Os nenos son a a cidade do futuro”

LUGO Conferencias sobre o potencial do sector

da madeira para usos construtivos na provincia de Lugo

OURENSE Taller de “Arquipeques” no colexio plurilingüe

San José de Ourense

PONTEVEDRA Visita ao refuxio de “La Roiba” en Beluso (Bueu)
SANTIAGO Visitas ao Colexio Maior A Estila, de Miguel Fisac,

e ao Instituto Politécnico de Santiago,

de Fernando Moreno Barberá

VIGO Conferencias “A boa forma” e “O espazo urbano”

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DA CORUÑA

TEMA.-  Proxección nun espazo público do documental “El derecho a un techito” de Arquitectura Sen Fronteiras

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos propón para este día a proxección nun espazo público do documental “El derecho a un techito”, realizado por Arquitectura Sen Fronteiras. A peza, de 25 minutos, poderase ver de forma gratuíta, ás 20:00 horas, na pantalla exterior do Casino da Coruña, situado na concurrida rúa Real coa esquina da rúa Nova. Con esta actividade, que conta coa colaboración de Arquitectura Sen Fronteiras e do Sporting Club Casino da Coruña, a delegación pretende achegar á cidadanía o Día Mundial da Arquitectura aproveitando un espazo público na hora de saída do traballo.

Ademais, haberá unha mesa de debate posterior, instalada no exterior, na que participarán o presidente da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos, Roberto Costas, e membros da delegación da Coruña de Arquitectura Sen Fronteiras e da xerencia do Sporting Club Casino.

Este traballo audiovisual foi realizado no mes de novembro de 2015 por tres voluntarios da ONGD Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), que se desprazaron á costa sur de Guatemala, onde traballa Arquitectura Sen Fronteiras (ASF), para rodar o documental. A cinta centra a súa atención non só no traballo de ASF e os seus socios no país, senón no porqué desta situación, contextualizando unha realidade complexa e apoiando a idea da vivenda non como unha mercadoría senón como un dereito.

Sinopse e tráiler

En vinte días Raúl e a súa familia durmirán baixo un teito por onde non pasa a chuvia. Nin o medo. Un techito que protexerá a Raúl e aos seus fillos por primeira vez na súa vida da violencia, da enfermidade, e da inxustiza que atenaza aos máis pobres de Guatemala. Un techito que lles quite as penas e os encha de forzas para esixir os seus dereitos.

Tráiler: https://www.youtube.com/watch?v=2TftDAw6GK0

a-coruna-imaxe-documental-el-derecho-a-un-techito-2COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE FERROL

TEMA.-  Exposición “Antes e despois: Rehabilitación dunha cidade” e “Os nenos son a a cidade do futuro”

A Delegación do COAG en Ferrol propón unha reflexión sobre a situación arquitectónica do conxunto da cidade en comparativa co estado da mesma antes do inicio das políticas de rehabilitación, prestando especial atención ao número e tipo de intervencións realizadas en inmobles, aos programas de axudas económicas, etc. Esta reflexión desenvolverase ao redor dunha exposición de dobre temática, que se inaugurará a vindeira semana en colaboración co Concello de Ferrol (data e lugar por confirmar):

  • Mostra “Antes e despois: Rehabilitación dunha cidade”

A través dunha exposición con proxección de vídeos explicativos, realizados por colexiados e pola Oficina de Rehabilitación de Ferrol ,mostrarase ao público o antes e despois da cidade de Ferrol trala intervención no seu patrimonio arquitectónico, e como estas intervencións axudan a deseñar un futuro mellor.

  • Mostra “Os nenos son a cidade do futuro”

Baixo a premisa dun futuro mellor, a delegación convidou aos colexios da cidade para que os alumnos presenten as súas propias propostas de como ven o Ferrol do futuro desde un punto de vista arquitectónico e urbanístico, a través de debuxos, maquetas ou calquera outro medio.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE LUGO

TEMA.- Conferencias sobre o potencial do sector da madeira para usos construtivos na provincia de Lugo

A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos prepara para a celebración do Día Mundial da Arquitectura 2016, unha sesión de conferencias como expresión do potencial do sector da madeira para usos construtivos e entendendo estas prácticas como un medio sostible e eficaz de produción para os sistemas construtivos e de expresión arquitectónica contemporáneas. As conferencias contarán coa asistencia na súa apertura da alcaldesa da cidade, Lara Méndez, e o director da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (PEMADE), Manuel Guaita, acompañados polo presidente da delegación do Colexio, Raúl J. Veiga. As charlas, que comezarán ás 18:00 horas, estarán impartidas polo arquitecto técnico e Máster en Enxeñería da Madeira Estrutural Álvaro López, que falará do entramado lixeiro industrial, e polo arquitecto e Máster en Enxeñería da Madeira Estrutural Antonio Lara, que comentará as novidades da arquitectura avanzada en madeira co Sistema GridShel.

lugo-prototipo-de-gridshell-realizado-en-las-instalaciones-de-pemade-de-la-uscCOLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE OURENSE

TEMA.- Taller de “Arquipeques” no colexio plurilingüe San José de Ourense

A Delegación de Ourense do Colexio de Arquitectos tratará este ano de deseñar un futuro mellor coas novas xeracións que serán as que poidan deseñar o futuro das cidades. A entidade considera que para alcanzar ese obxectivo hai que partir da educación dos máis pequenos, dándolles opción de opinar e analizar a problemática dos espazos que os rodea, baixo a súa perspectiva e imaxinación.

Celebrarase un taller de Arquipeques, en colaboración co colexio Plurilingüe San José de Ourense (Colexio Josefinas). Realizarase en horario escolar, pola mañá, para 50 alumnos de 3º de Primaria e co respaldo do profesorado. O taller estruturarase do seguinte modo:

-Lectura do conto infantil “Sabela e as zocas máxicas”, un recurso educativo do ProxectoTerra para o alumnado de Educación Infantil e integrado no apartado “Da casa á escola” que consiste nun achegamento multisensorial, emocional e afectivo ao espazo vivido, que fai máis rica a construción mental que nestas idades temperás se está a facer dos tres ámbitos máis significativos na vida dos cativos: A Casa – A Escola – O Camiño da Casa á Escola, e que se refiren aos tres ámbitos do privado, social e público que están presentes ao longo da vida e que xa se constrúen desde pequenos.

O conto “Sabela e as zocas máxicas” forma parte destes recursos educativos. A tráves de tres historias –O Segredo do faiado, O moletiño de pan, O tesouro da escola–, preténdese orientar a observación e a vivencia dos espazos cotiás do alumnado de Educación Infantil no ánimo de facelas o máis diversas e completas posibles.

-Posteriormente darase material ao alumnado –caixas, tubos de cartón, pezas de porexpán– para que durante aproximadamente una hora e media deseñe o que cre que é unha cidade do futuro, desde unha praza pública ata unha escola, un edificio de vivendas ou mesmo un polideportivo.

-Ao finalizar o taller, farase unha exposición común de todos os traballos realizados polos alumnos.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE PONTEVEDRA

Tema.- Visita ao refuxio de “La Roiba” en Beluso (Bueu)

A Delegación en Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza no Día Mundial da Arquitectura unha visita ao refuxio de “La Roiba” na praia de Beluso (Bueu) o vindeiro luns, día 3, en colaboración co Concello de Bueu. O edificio é obra do arquitecto coruñés Antonio Vázquez Molezún e foi recentemente rehabilitado grazas a un proceso de crowdfunding.

A visita, que se celebrará ás 17:30 horas, contará coa asistencia de representantes colexiais, autoridades locais e autonómicas, así como colexiados e cidadáns interesados en coñecer de preto esta obra exemplar da arquitectura moderna española, homenaxeada este ano pola delegación pontevedresa no Día Mundial da Arquitectura.

O presidente da delegacion, Manuel Abelleira, sinala que a obra, de pequeno refuxio de finais dos anos 60, foi toda unha lección de “sostibilidade, adaptación e respecto polo seu contorno”, tomando como base e cimentación parte dos muros de mampostería de granito dunha fábrica de salazóns preexistente.

Esta vivenda foi obxecto dun proxecto pioneiro no ámbito da arquitectura durante o ano 2014, desenvolto mediante a técnica de micromecenazgo ou crowdfunding e denominado “REConstruye La Roiba”. O proxecto foi realizado por un equipo de arquitectos de Madrid e A Coruña, que non só tivo como obxecto a restauración do edificio, senón a posta en valor da arquitectura moderna española do século XX.

Ramón Vázquez Molezún dicía que “a boa arquitectura é capaz de adaptarse ás transformacións”. Neste senso, a delegación considera que “La Roiba” é exemplo de boa arquitectura, vixente 40 anos despois da súa construción, a pesar dos cambios que sufriu ao longo da súa vida.

Durante o acto descubrirase unha placa conmemorativa e permitirase a entrada á vivenda en pequenos grupos, acompañados da filla do arquitecto María Vázquez. Posteriormente compartirase un viño no restaurante A Centoleira, no mesmo porto de Beluso.

A delegación pon un autobús a disposición dos colexiados e interesados en asistir á visita, que sairá as 16:30 horas desde a Praza de Galicia en Pontevedra e que ten previsto o regreso ás 19:30 horas. (É preciso confirmar a reserva de praza no autobús e a asistencia ao acto no mail xd.pontevedra@coag.es).

pontevedra-refuxio-la-roiba-alzadoesteCOLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE SANTIAGO

TEMA.- Visitas ao Colexio Maior A Estila e ao Instituto Politécnico de Santiago

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organizará na efeméride do Día Mundial da Arquitectura visitas guiadas abertas a toda a cidadanía ao Colexio Maior A Estila, obra de Miguel Fisac en 1949, ás 12:30 horas, e pola tarde ás 18:30 horas farase un percorrido polo Instituto Politécnico de Santiago (antiga escola de maestría industrial e actual Centro Integral de Formación Profesional), obra de Fernando Moreno Barberá en 1959.

A visita ao Colexio Maior A Estila estará guiada polo xerente do centro José Antonio Constenla. O arquitecto do edificio, Miguel Fisac, pertenceu a unha das xeracións máis lúcidas de arquitectos españoles, interesados por investigar e avanzar na aplicación de novos materiais e solucións construtivas. De igual maneira, iniciaron un proceso de redefinición do espazo para adaptalo ás novas necesidades funcionais.

O colexio maior universitario A Estila, corresponde a súa etapa inicial, é ten unha estética exterior claramente historicista. Mentres, a configuración dos espazos interiores reflicte a análise detallada que o arquitecto realizou para adaptalos a cada un dos usos, buscando unha funcionalidade ausente nas construccións da época.

O proxecto que Miguel Fisac desenvolveu contemplaba a ordenación de todo o contorno, con bloques de vivendas colectivas que harmonizaban co estilo arquitectónico e a volumetría do colexio maior.

A visita ao Politécnico estará dirixida polo seu director José Manuel Leis. A obra de Moreno Barberá en Galicia comenza co “Anteproxecto da Hospedería dos Peregrinos” en Santiago de Compostela. En 1958, levará a cabo os proxectos de tres importantes edificios docentes en Galicia, entre os que se atopa a Escola de Maestría Industrial en Santiago de Compostela.

Desde a súa orixe, o proxecto estivo moi condicionado polas necesidades de luminosidade e flexibilidade funcional. Propuxo unha estrutura liviana de pórticos de grandes luces, para evitar que os soportes intermedios condicionaran os usos. As fachadas péchanse con bastidores prefabricados, onde se incorporan distintos elementos de instalacións. Toda a zona de talleres deseñouse como espazos diáfanos de traballo. Situado nunha zona periférica da cidade, Moreno Barberá optou por unha tipoloxía de arquitectura moderna, rodeándose dunha zona verde, que penetra baixo as pezas que se elevan sobre pilares de formigón, e conectado coa rede viaria mediante a articulación de percorridos diferenciados para vehículos e peóns.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE VIGO

TEMA.- Conferencias “A boa forma” e “O espazo urbano”

A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos celebrará, con motivo do Día Mundial da Arquitectura, dúas conferencias abertas ao público para remarcar a escala do deseño no eido da arquitectura e do urbanismo, na sala de usos múltiples da delegación de Vigo (rúa Doutor Cadaval, 5).

O arquitecto León López de la Osa González ofrecerá unha conferencia titulada “A boa forma”. Falará sobre varios dos seus deseños de obxectos cotiás, como o mobiliario ou as lámpadas que conforman os espazos e a relación do ser humano con eles. Ademais de facer referencia a varios dos seus deseños, López de la Osa comentará os referentes do deseño do século XX e a súa evolución ata a actualidade. O título da charla é un guiño ao deseñador Max Bill e, en concreto, a unha conferencia que ofreceu en 1948 en Suíza, titulada “Beleza da función, beleza como función”.

vigo-leon-lopez-de-la-osa-gonzalez vigo-mesa-zarauza-deseno-de-leon-lopezA continuación, os arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso farán unha exposición dos seus últimos proxectos de espazo público: Ribadeo Accesible, a praza de San Clemente e as Hortas de Caramoniña en Santiago de Compostela, estas últimas dúas obras premiadas recentemente na Bienal de Arquitectura Española.

vigo-abalo-e-alonso-fotografia-de-xurxo-lobatoRibadeo Accesible

Ribadeo é unha vila mariñeira duns dez mil habitantes situada na fronteira entre Galicia e Asturias cun casco histórico protexido e un borde marítimo de certo interese. O desnivel entre ambos, de máis de trinta metros en pouco espazo, dificulta a comunicación e favorece a marxinación de certas áreas.

A proposta de Abalo e Alonso presenta un elemento de conexión na rótula entre ambos mundos que favoreza a comunicación. É unha carcasa de formigón negro con textura de pizarra que contén un ascensor panorámico coas súas escaleiras asociadas. Formigón, pedra e aceiro completan unha paleta de materiais austera, con vocación de integración, que o converten no edificio máis alto do pobo.

vigo-ribadeo-accesiblePraza de San Clemente

A praza de San Clemente, situada en pleno casco antigo de Santiago de Compostela e á beira da Catedral, caracterizouse no pasado por ser un lugar de paso de dobre dirección para os vehículos, con áreas de aparcadoiro e zonas de carga e descarga. Para borrar esta imaxe caótica, o Concello de Santiago encarga a este estudio compostelán unha análise do contorno para a súa posta en valor.

Segundo Abalo e Alonso, a actuación fundamental foi “tensionar a futura praza”, reducindo o espazo da rampa a un só carril auxiliar de tráfico para aumentar o espazo da estancia. “A redución do tráfico, unida á imposibilidade de aparcar, invertiu os termos. Agora o peón é o que controla o espazo público. Procedeuse a unha renovación exhaustiva de todo tipo de infraestruturas eléctricas, abastecemento, saneamento, gas, telefonía e incorporáronse os restos arqueolóxicos descubertos durante as obras” –indican os arquitectos–. Completan a actuación catro árbores, ubicadas estratexicamente. Os límites da intervención dilúense, incluíndo este espazo público no continuo da cidade e gañando espazo para o cidadán coa ampliación da praza

vigo-praza-de-san-clemente-en-santiagoHortas de Caramoniña

A parcela atópase, por unha banda, no cinto verde que rodea o centro histórico de Santiago polo leste; por outro, no canella que comunica o casco co barrio da Almáciga, situado noutra dos pequenos outeiros que conforman a cidade. O ancho da mencionada rúa, unido a un desnivel de máis de vinte metros, resolto con bancais independentes na actualidade, limita o acceso e, consecuentemente, o seu uso.

A primeira actuación ten que ver coa resolución dos problemas de accesibilidade entre os diferentes niveis. Cando a pendente o permite, a comunicación resólvese con ramplas por dentro da parcela. Cando isto non é posible, exponse directamente desde o exterior, como na plataforma intermedia. Facilítanse así unha serie de percorridos e zonas de estancia e relación entre bancais, con esplendidas vistas cara á cidade histórica e boa orientación suroeste. Un percorrido máis curto, con escaleiras, bordea as ruínas existentes.

Recupérase a actividade previa mediante a inserción dunha serie de hortas. Á fin e ao cabo, cal pista polideportiva ou centro de saúde, a horta urbana converteuse nunha dotación cidadá máis. Para favorecer esta actividade, renóvanse os pozos abandonados e conéctanse cunha canle superficial. E complétase a intervención cunha iluminación que lembra, dalgunha maneira, ao “campus stellae” que algúns ven na orixe do nome da cidade.

vigo-hortas-de-caramonina-en-santiago