A Cámara de Santiago celebra o décimo aniversario do seu viveiro de empresas coa conferencia de José María Pérez “Peridis”

O promotor do proxecto “Lanzaderas de empleo” falará sobre emprendemento o mércores-5, ás 20:00 horas

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela continúa coa programación do seu ciclo de conferencias, destinado a analizar a situación económica, social e cultural do país, convidando a personaxes de gran relevancia en diferentes ámbitos. O arquitecto, debuxante, humorista e escritor José María Pérez, máis coñecido como Peridis (Cabezón de Liébana-Cantabria, 1941) reanudará o ciclo o próximo mércores, día 5 de outubro, ás 20:00 horas, cunha conferencia titulada “Echa una mano”. Para conmemorar o décimo aniversario da incubadora de empresas de Costa Vella, que foi designada no informe Funcas da Fundación de las Cajas de Ahorros como o mellor viveiro de España en 2015, Peridis falará sobre emprendemento e o seu programa “Lanzaderas de Empleo y Emprendimiento”, un proxecto de innovación social orientado a mellorar a intervención coas persoas desempregadas.As lanzadeiras representan unha nova filosofía na intervención social do desemprego. Nacen da man de Peridis, como presidente da Fundación Santa María La Real del Patrimonio Histórico, para ofrecer unha alternativa e solución ao momento actual de crise económica global e as elevadas taxas de paro. Despréndense dos comportamentos pasivos, asociados de forma tradicional á persoa desempregada, e chaman ao traballo en equipo comprometido e proactivo para que as persoas recobren a ilusión e descubran todas as competencias e habilidades de que dispoñen para atopar traballo ou desenvolver o seu proxecto empresarial. Actualmente, en Galicia hai seis lanzaderas, en Santiago de Compostela, Arteixo, Lugo, Ourense, Marín e Redondela.

A expansión do modelo prodúcese en 2015, co respaldo do Ministerio de Empleo e a implicación de diferentes entidades. Desde o inicio do programa ata a actualidade, Fundación Santa María la Real puxo en marcha máis de 130 lanzadeiras en 68 cidades de 15 Comunidades Autónomas, chegando a case 3.000 participantes e rexistrando unha media de inserción laboral que supera o 60%.

Peridis publicou diversos libros sobre humor e sátira política. En TVE presentou e dirixiu “Las claves del románico”, con trinta e tres capítulos emitidos entre 2002 e 2007.

peridis-1