Os alumnos poden especializarse para tocar nunha orquestra profesional ou centrarse nun instrumento
O vindeiro luns, 3 de outubro, arranca o ano académico na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago de Compostela. O centro cumpre 17 anos como centro público de ensinanza musical, dirixido a intérpretes novos.
A EAEM imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, un curso de posgrao recoñecido como título propio pola Universidade de Santiago de Compostela. Naceu hai cinco anos como unha experiencia pioneira en España. Está enfocado a aqueles que remataron os seus estudos musicais e teñen como meta formar parte dunha orquestra profesional. Os alumnos fan as súas prácticas orquestrais nos concertos da Real Filharmonía de Galicia. Ademais, ao longo do ano teñen a posibilidade de participar en agrupacións de música de cámara e conxunto instrumental e ofrecer concertos públicos.
Neste curso fórmanse un total de 18 novos intérpretes; 6 deles especializados en violín, 2 en viola, 2 en violoncello e os restantes en contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Nesta edición logrouse o maior número de inscritos para acceder ao curso. Os aspirantes que finalmente lograron superar as probas proceden, ademais de Galicia, das comunidades autónomas de Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, A Rioxa, Aragón e País Vasco; e algún do veciño Portugal.
Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra.
Curso de Especialización Instrumental
Pola súa parte, o Curso de Especialización Instrumental diríxese a estudantes de música de grao medio ou superior que buscan perfeccionarse nalgún destes instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta ou percusión. Durante o ano organizaranse diferentes actividades de práctica de conxunto, co que os participantes poderán ofrecer concertos públicos.