Son 35 imaxes representativas do casco histórico e da basílica compostelá tomadas ao longo dos últimos 16 anos
Baixo o título “Compostela, a Terceira Dimensión”, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de instantáneas en 3D da cidade de Santiago do estereógrafo coruñés Enrique Criado. A mostra exhíbese na Casa do Cabido, na Praza das Praterías, onde se presentou esta mañá. Ao acto asistiron, ademais do autor, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; xunto co coordinador da exposición, Juan Conde, responsable de Publicacións e Exposicións do organismo interadministrativo.
Esta mostra reúne un total de 35 imaxes representativas do casco histórico compostelán, en particular da catedral -como final do Camiño- e do seu contorno. Hai fotografías nocturnas, dos peregrinos, das prazas, rúas e lugares máis emblemáticos… que foron rexistradas polo autor mediante distintos tipos de cámaras fotográficas en 3D en diferentes épocas ao longo dun período de 16 anos. Todas elas forman parte da súa colección persoal. Algunhas xa foron tomadas en 1999, polo que se pode ver a fachada da catedral e o Pórtico da Gloria sen andamios, e as máis actuais corresponden a este verán.
“A finalidade é converter ao espectador nunha testemuña virtual, de xeito que perciba, en primeira persoa, eses fragmentos de realidade que unha imaxe convencional ou en dúas dimensións non pode transmitir” -indica Enrique Criado-. Para a visualización destas fotografías empréganse lentes con filtro de cor.
Tal como explica o autor, “a imaxe en 3D é o máis parecido á percepción da realidade. A visión humana é unha visión estereoscópica ou binocular, en tres dimensións. Permítenos percibir as distancias, o volume e os tamaños dos obxectos. Isto é posible grazas a un fenómeno chamado estereopsis, que consiste nunha interpretación que fai o noso cerebro das diferenzas entre as imaxes captadas polos dous ollos. Estas diferenzas entre os ollos débense á distancia que existe entre os mesmos, habitualmente duns 65 milímetros, que neste proceso de estereopsis convértese no factor máis importante da percepción de profundidade”.
Outra perspectiva da cidade de Santiago
No transcurso da inauguración da mostra, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, salientou que “esta exposición permítenos ter outra perspectiva de Compostela, ensinar e presumir de cidade ante os cidadáns e tamén ante os visitantes que chegan cada día”. Pola súa parte, Martiño Noriega puxo de manifesto que “o Consorcio de Santiago segue a innovar e convida aos veciños e veciñas e sobre todo aos escolares a coñecer esta exposición, que provoca moitas sensacións”.
Enrique Criado, asesor nas Olimpíadas de Londres e na proxección de A Guerra das Galaxias en 3D
Enrique Criado leva máis de dúas décadas traballando en diferentes ámbitos da produción audiovisual. Os seus avanzados coñecementos sobre a imaxe estereoscópica levárono a supervisar o 3D nas Olimpíadas de Londres 2012, asesorar a LucasFilm na proxección do filme A Guerra das Galaxias en 3D, recibir diversos premios internacionais neste eido, impartir conferencias nos eventos internacionais máis prestixiosos do sector (Ámsterdam, París, Sidney… e ata nos Estados Unidos para a Asociación de Directores de Hollywood), ademais de ser membro do xurado en recoñecidos certames.
A imaxe en tres dimensións converteuse na súa paixón e a súa afección pola fotografía estereoscópica teno levado durante anos a fotografar en 3D, rexistrando “anacos de realidade”. Na actualidade dispón dun arquivo composto por miles de imaxes.
A exposición, especialmente atractiva para os colexios, poderá visitarse na Casa do Cabido ata finais de novembro
Esta mostra resulta especialmente indicada e atractiva para os centros educativos. Os colexios que estean interesados en visitala deberán poñerse en contacto coa Casa do Cabido no teléfono 981 576 661.
A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata finais do mes de novembro. Poderá visitarse no horario habitual, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns está pechada ao público. E a principios de novembro comeza o seu horario de inverno, que polas tardes pasa a ser de 16:00 a 20:00 horas.