Carlos Alvira Duplá, presidente:
“O exercicio da actividade pericial e forense esixe un alto compromiso de responsabilidade nos ámbitos legal e deontolóxico pola enorme transcendencia social e a gravidade das consecuencias”
Profesionais experimentados de diversas disciplinas imparten a formación ata o venres-23 no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura
A Agrupación de Arquitectos Peritos e Forenses (AAPF) do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) celebra hoxe e mañá venres, día 23, o curso básico “O dictame pericial do arquitecto” no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura (Monte Gaiás, s/n) en Santiago de Compostela.A formación, na que participan 75 arquitectos, ten como obxectivos que os alumnos adquiran o coñecemento básico xeral das funcións, metodoloxía, procedementos e criterios técnicos de inspección e elaboración dos ditames periciais, así como do procedemento xudicial, obrigas e responsabilidades derivadas. Os contidos do curso articúlanse desde unha dobre perspectiva xurídico-técnica, para ofrecer unha visión integral do proceso e de todos os aspectos que interveñen no desenvolvemento profesional deste tipo de traballos.
O campo pericial e forense é un máis de aqueles nos que o arquitecto pode exercer o seu traballo profesional. Actualmente, esta actividade está adquirindo unha progresiva expansión e moitos arquitectos móstranse interesados en desempeñar funcións de maneira ocasional ou con exclusividade.
O presidente da AAPF do Colexio de Arquitectos de Galicia, Carlos Alvira Duplá, sinala que o exercicio da actividade pericial e forense esixe un “alto compromiso de responsabilidade nos ámbitos legal e deontolóxico “pola enorme transcendencia social que comportan estas actuacións e a gravidade das consecuencias que se poden chegar a ocasionar para as partes implicadas no procedemento”.
O curso está impartido por profesionais experimentados de diversas disciplinas como os arquitectos expertos en peritaxe Mariano de Labra, César Jiménez, Carlos Alvira, Emilio Herrera, Fernando Tabernero, Fernando Bendala e Fulgencio Avilés, ademais do xurista Alberto Martín, o maxistrado de Vigo Julio Picatoste, o maxistrado e presidente da Audiencia da Coruña, José Luis Seoane, e o maxistrado do Tribunal Supremo José Antonio Seijas.