A Cámara de Comercio presenta o mércores-28 en Riveira o programa gratuíto “Peregrinaxe Emprendedora” para mozos e mozas menores de 30 anos

É unha formación de consultoría intensiva de 8 semanas de duración e tres períodos a elixir, o primeiro do 26 de setembro ao 18 de novembro

A Cámara de Comercio de Santiago celebrará o próximo mércores, día 28, o taller gratuíto “Autoemprego: Atrévete” no viveiro de empresas do Concello de Riveira (rúa Fafián, 29), de 9:30 a 13:30 horas, para presentar o programa “Peregrinaxe Emprendedora”, acción destinada aos menores de trinta anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e enmarcada dentro da convocatoria de “Itinerarios de Emprendimiento Xuvenil” da Fundación Incyde para o ano 2016, a través do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo. A iniciativa ten como obxecto mellorar a empregabilidade de mozos e mozas desempregadas que estean a iniciar o seu proceso de procura activa de emprego por conta propia ou allea, e por tanto, acceder ao mercado laboral.

De forma completamente gratuíta, “Peregrinaxe emprendedora” ofrece aos participantes acompañamento na transición desde a situación actual ata a actividade laboral. Contarán cun programa intensivo de formación de oito semanas de duración para desenvolver a súa idea empresarial ou acceder ao mercado laboral. Para acadar este fin, cada participante terá un itinerario personalizado e porase a súa disposición un cadro de persoal de expertos que o guiará durante todo o proceso, traballando sobre as súas ideas e as súas competencias para facer da súa habilidade unha profesión na que poder traballar, gañarse a vida e ser independente. As bases da convocatoria sinalan que, ao finalizar as sesións, os participantes terán os coñecementos suficientes para iniciar a súa actividade e dar os primeiros pasos na súa andaina profesional. Os coñecementos adquiridos veranse reforzados coa realización de prácticas en empresas galegas e con sesións de mentoring para aqueles mozos e mozas que queiran por en marcha o seu proxecto empresarial.

Esta formación gratuíta ofrece tres opcións: do 26 de setembro ao 18 de novembro, do 3 de outubro ao 25 de novembro e do 17 de outubro ao 9 de decembro. As prazas previstas para cada edición oscilan entre 20 e 25.

En liñas xerais o programa inclúe unha charla de sensibilización motivacional, unha semana de captación, selección e valoración máis sete semanas lectivas, un plan ou itinerario de emprendemento ou inserción personalizado, catorce talleres prácticos, sete sesións de apoio titorizado, dezaoito horas de inmersión empresarial, avaliación de empregabilidade pre/post e tres meses de apoio e seguimento.

As inscricións deben realizarse na sede central da Cámara (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo, tfno. 981 596 800) ou no viveiro de empresas (Polígono de Costa Vella, c/ República Checa, 40, tfno. 981 551 700 e correo electrónico vivero@camaracompostela.com).

Máis información en http://www.camaracompostela.com/vivero/peregrino/texto.pdf

imaxe-programa