Os estudantes admitidos neste curso realizan prácticas tocando en concertos coa Real Filharmonía de Galicia
O Curso Avanzado de Especialización Orquestral impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.
Esta fin de semana realizáronse as probas para cubrir tres prazas para a especialidade de violín e dúas para a especialidade de viola, que quedaran vacantes na convocatoria celebrada no mes de xuño. As probas consistiron nunha audición na que os candidatos tiveron que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado. A convocatoria foi un éxito, tanto pola cantidade como pola calidade dos aspirantes, polo que se lograron cubrir todas as prazas ofertadas.
O centro ofrece para este curso académico 2016-2017 un total de 18 prazas. Repártense nas especialidades instrumentais de violín, viola, violoncello, contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión.
Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participa nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, teñen a oportunidade de tocaren en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”, onde teñen unha participación destacada como solistas.