Levan visitado a mostra, que reúne esculturas, pinturas, gravados e litografías, algo máis de 3.000 persoas
Baixo o título “Camilo Otero. Raíces de Compostela”, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de pezas do polifacético artista compostelán, falecido no ano 2003. A mostra exhíbese na Casa do Cabido, na Praza das Praterías, dende principios do mes de xullo. O vindeiro martes é o último día para percorrela. Durante este período visitárona algo máis de 3.000 persoas.
A través desta mostra preténdese facer un percorrido pola riqueza da produción artística de Camilo Otero nas súas múltiples facetas e medios de expresión. A maior parte do núcleo da exposición está conformada por esculturas de pequeno formato de fundición en bronce, con tiradas moi curtas, e en moitas ocasións probas de autor e pezas únicas.
Xunto aos bronces, tamén se exhiben esculturas en terracota, esculturas en madeira, gravados e pranchas para gravados. Os visitantes poderán contemplar ademais obras de técnica mixta sobre papel, óleos sobre lenzo, dous blocs orixinais e ata libros de artista inéditos pintados a man con bosquexos do autor. E destaca un impresionante xadrez de prata realizado en 1974.
Camilo Otero (Santiago, 1932-2003) é un dos creadores fundamentais da segunda metade do século XX en Galicia. Artista absolutamente global, traballou sen reservas os máis diversos soportes e procedementos. Iniciou a súa viaxe nos anos 50 coa primeira toma de contacto na Escola de Artes e Oficios de Santiago, onde regresaría unha e outra vez ata o final da súa vida. No camiño, revolucionou a escultura galega para sempre, cunha arte atemporal cargada de orixinalidade e forza que, dende París, expuxo en medio mundo.
Horarios da Casa do Cabido
A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata o vindeiro martes, 13 de setembro. Poderá visitarse no horario habitual do museo, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.