Os profesores da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Mercè López e Benedict Buono organizan un congreso internacional sobre literatura e gastronomía en Italia e a Península Ibérica, que se celebrará do 21 ao 23 de setembro no auditorio ABANCA (Cervantes) coa participación dun cento de estudosos e especialistas.
O congreso abordará os libros de cociña, receitarios, léxico e literatura gastronómica do tempo actual e Idade Contemporánea, así como do Renacemento e o Medievo. As entidades colaboradoras principais son ABANCA Obra Social, o Centro Superior de Hostelería de Galicia, Galicia Calidade e o Institut Ramon Llull (organismo público catalán para a promoción exterior da lingua e cultura catalanas).
O programa indica que desde a tendencia universal da cociña renacentista á formación de tradicións locais ben definidas, ata o hibridismo da cociña moderna, a gastronomía tamén expresou a súa forza creadora e innovadora a través da lingua e da literatura. Os organizadores destacan que o presente congreso “quere ser tamén unha ocasión de encontro entre o mundo científico e o dos profesionais da restauración, así como servir de espazo de reflexión sobre o pasado e o futuro da cultura gastronómica”.
O evento, que inclúe seis conferencias plenarias e 35 comunicacións, nomeou como presidentes honorarios a Darío Villanueva –director da Real Academia Española– e o seu homólogo italiano Claudio Marazzini –presidente da Accademia della Crusca–. Como actividade complementaria e divulgativa, a semana do congreso exhibirase unha vintena de libros singulares de gastronomía desde os séculos XVI ao XX no claustro de Fonseca.