O Balneario de Mondariz acolleu esta mañá a presentación dos avances do proxecto Termagal, que deseña e implantará a historia termal electrónica

O proxecto piloto comezou pola súa instalación en Mondariz e  Laias, e Lugo será o seguinte

A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que se trata dun gran avance que potenciará a atracción e a fidelización dos usuarios dos balnearios galegos

O doutor Gestal avanzou tamén a vindeira finalización dun vademécum coa clasificación, propiedades e indicacións das augas que será distribuído entre os facultativos do SERGAS

Santiago-Mondariz, 12 de agosto de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Balnearios de Galicia presentou esta mañá no histórico hotel-balneario de Mondariz os avances do proxecto Termagal. Trátase dunha ferramenta informática innovadora que permitirá aos balnearios galegos xestionar a historia clínica dos seus pacientes dun xeito estandarizado. Asistiron o presidente da asociación, Antonio Garaloces; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o decano da facultade de Medicina e director da Cátedra de Hidroloxía Médica “Balnearios de Galicia – Universidade de Santiago de Compostela”, Juan Gestal; a directora médica do Balneario de Mondariz, Laura Gómez; e o director de Ultreia Comunicacións (empresa responsable da ferramenta), Eduardo Díaz.

O titular da asociación balnearia, Antonio Garaloces, falou de “proxecto pioneiro en España” que se desenvolve co apoio da Axencia de Turismo de Galicia: “Queremos mellorar o coñecemento das nosas augas minerais para aumentar a súa eficacia cara a prestar un mellor servizo aos nosos termalistas, e seguir consolidando deste xeito a Galicia como o primeiro destino termal español”.

A directora de Turismo de Galicia, na súa intervención, afirmou que “con Termagal a proposta de servizos de saúde se revaloriza grazas á monitorización dos casos atendidos  e dos resultados obtidos”. Nava Castro sinalou que se trata dun gran avance que potenciará a atracción e a fidelización dos usuarios nos balnearios de Galicia. “Termagal supón un empuxe fundamental para continuar consolidando Galicia como destino termal de referencia”, segundo resaltou. Por outra parte, a responsable de Turismo da Xunta destacou a potencialidade de Galicia como destino termal e de saúde e benestar. Neste senso, sinalou que Galicia ocupa a primeira posición en canto a número de establecementos balnearios a nivel nacional, atesourando a nosa comunidade máis dunha vintena. Así mesmo, destacou que Galicia é líder tamén no conxunto do Estado en canto á oferta mineiro-medicinal, con preto do 20% dos establecementos balnearios.

Beneficios e implantación de Termagal

A principal novidade é que a ferramenta acaba de implantarse nos balnearios de Mondariz e Laias como proxectos piloto, e logo instalarase no de Lugo, segundo explica Díaz, o director da empresa que ten o encargo. “Un dos beneficios máis importantes de Termagal é que uniforma a codificación de doenzas técnicas médicas entre distintos balnearios. Así, mediante procesos de análise de datos, pódense facer estudos que avalen cientificamente a eficacia dos tratamentos”, segundo agrega.

O doutor Gestal, pola súa parte, valorou que nos tres últimos cursos se traballou no desenvolvemento dunha historia clínica electrónica que permita dotar os centros termais dunha ferramenta común para a xestión clínica dos pacientes, e ao mesmo tempo ir xerando unha base de datos que favoreza a realización de estudos que axuden a avaliar e mellorar a eficacia dos tratamentos. “O curso pasado terminouse a elaboración detallada da historia clínica termal, que contou cunha axuda especial da Axencia de Turismo de Galicia, e na actualidade estase a traballar na súa implantación nos balnearios”, segundo indicou.

Ademais das actividades docentes que se veñen realizando entre os estudantes de Medicina, a Cátedra de Hidroloxía Médica está rematando un vademécum das augas mineiromedicinais de Galicia, que inclúe as súas principais indicacións e procedementos de aplicación. “Os traballos están moi avanzados –engade o seu director–, na fase final de redacción. Trátase dunha completa publicación que estuda a importancia terapéutica, clasificación e mecanismos de acción das augas, as súas indicacións e contraindicacións, vías e técnicas de administración e a situación actual da investigación en termalismo”.

A intención é presentar este vademécum en outono e distribuílo entre todos os médicos de atención primaria, así como entre os especialistas en reumatoloxía, neumoloxía, dermatoloxía e rehabilitación de Galicia. “Imos facilitar aos profesionais sanitarios do SERGAS información fidedigna e axeitados elementos de xuízo sobre as posibilidades terapéuticas da balneoterapia, polo que estimularemos un maior e máis racional uso deste medio terapéutico”, conclúe o doutor Gestal.

termagal