Levará a batuta Maximino Zumalave e o pianista catalán Josep Colom interpretará “Noche en los jardines de España” de Falla
No marco da 59ª edición do Curso Universitario Internacional de Música Española “Música en Compostela”, a Real Filharmonía de Galicia participa cun novo concerto mañá venres. Será ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia, baixo a batuta do director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave. Ademais, intervirá como solista o pianista catalán Josep María Colom.
O concerto comezará con Old sailor´s room (O cuarto do vello mariño) do compositor vigués Juan Eiras (1977), unha obra estreada en 2014 pola RFG, dirixida naquela ocasión tamén por Zumalave. Esta peza representa unha homenaxe a un dos artistas plásticos galegos máis sobresaíntes do século XX, Urbano Lugrís, e leva o título homónimo da súa pintura máis relevante.
De seguido os músicos tocarán a obra Cantos de pleamar do compositor aragonés Antón García Abril (1933). E logo o público asistente terá a oportunidade de escoitar Tres postales iluminadas de Xavier Montsalvatge (1912-2002), unha peza na que o autor relata as súas experiencia na Habana, na Provenza francesa e na cidade de Nova York.
Manuel de Falla interpretado ao piano por Josep María Colom
O concerto concluirá con Noche en los jardines de España de Manuel de Falla (1876-1946), que será interpretada ao piano polo pianista catalán Josep María Colom. Recibiu o Premio Nacional de Música do Ministerio de Cultura en 1998. Na actualidade toca regularmente coa maioría das orquestras españolas e con grandes directores; cultivando tanto o recital como a música de cámara nos principais festivais e auditorios. Tamén mantén unha extensa actividade fóra de España, en particular en Francia, onde gravou boa parte da súa discografía. Ademais de impartir clases maxistrais, é profesor da Aula de Música da Universidade de Alcalá de Henares dende a súa fundación e colabora co Conservatorio Superior de Zaragoza e co Musikeon de Valencia.