Un verán máis Cáritas manterá o servizo de comidas en agosto no colexio La Salle debido a que a Cociña Económica pecha nese tempo por descanso. O ano pasado servíronse 4.204 comidas en agosto, cunha media diaria de 161 persoas, por un importe total de 24.509,32 euros. Esta cantidade impútase ao departamento de atención primaria de Cáritas Interparroquial, o que supón un 18 por cento do orzamento desta área para atender as necesidades básicas durante todo o ano.
O director da Interparroquial compostelá, José Antonio Beiroa, advirte e destaca que reciben do Concello de Santiago 100.000 euros anuais para estas necesidades básicas, “o que supón a metade do orzamento co que conta Cáritas para atención primaria”, segundo indica. Cada comida ten un custo superior aos cinco euros, dos que o usuario só aboa oitenta céntimos.
Beiroa explica que a Cociña Económica, que presta o servizo durante o resto do ano, conta con doazóns e subvencións para sufragar os gastos que orixina, mentres que no mes de agosto Cáritas asume desde hai algúns anos este servizo sen ningunha partida específica, que para a atender aos comensais contará coa axuda de cincuenta voluntarios, a razón de once cada día.
O servizo de comidas comezará no colexio La Salle o 1 de agosto e finalizará o 31, para logo volver ás recentemente renovadas instalacións da Cociña Económica. En La Salle estará aberto o servizo de luns a sábado, mentres que para os domingos se lle pode preparar unha pequena bolsa de comida para quen o solicite previamente, coma xa é habitual. O único día que non haberá servizo será o festivo día 15, pero si o 16, San Roque, que abrirá coma un día normal.