O concerto, dirixido por Paul Daniel, é gratuíto previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal e retransmitirase en directo por internet
A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis nas celebracións das festas do Apóstolo, conmemorativas do Día de Galicia. A compostelá Praza da Quintana acollerá mañá xoves, 28 de xullo, un concerto dirixido polo mestre titular da agrupación, Paul Daniel, ás 21:00 horas, que ademais se retransmitirá en directo por streaming a través da web da orquestra (www.rfgalicia.org) e das redes sociais. A entrada é gratuíta, previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal. En caso de choiva, a actuación trasladarase ao Auditorio de Galicia.
O concerto comezará cun fragmento de Eugene Onegin de Chaikovski (1840-1893). É unha ópera baseada na novela homónima en verso de Aleksandr Pushkin. Desta obra o público terá a oportunidade de escoitar a afamada Polonesa, unha danza popular polaca que axiña se introduciu nos círculos máis luxosos da sociedade europea e se converteu nun elemento básico de óperas, ballets e pezas sinfónicas.
Obras xubilosas e optimistas para unha noite festiva
De seguido a orquestra tocará parte de Le roi malgré lui do compositor francés Emmanuel Chabrier (1841-1894). Trátase dunha ópera cómica, da que os músicos achegarán en particular a Festa polaca.
A cita concluirá coa Sinfonía nº 4 de Chaikovski. Representa unha das sinfonías máis populares e admiradas de todo o repertorio universal. O seu impacto e o seu poder evocativo sobre o público é inmediato. Tanto é así que existen moitísimas gravacións desta obra en disco, por practicamente todos os directores e orquestras importantes. Chaikovski comezou a compoñela dous meses antes de rematar o seu desastroso e efémero matrimonio, que case o leva ao suicidio. Ao pouco de separarse, aparece na súa vida outra muller, coa que mantería unha forte relación de amizade e se convertería na súa mecenas, a rica viuda terratenente Nadezhda Filaretovna von Meck, a quen o compositor ruso dedicou esta obra.