A Cámara de Comercio de Santiago e ABANCA convocan tres bolsas para estancias no viveiro de empresas. O banco, con sede en Galicia, e a entidade cameral afianzan o seu compromiso co emprendemento e renovan unha iniciativa posta en marcha o pasado ano. O acordo, rubricado está mañá en Compostela, tamén ofrece condicións melloradas na contratación de produtos da entidade financeira

A Cámara de Comercio de Santiago e ABANCA presentaron esta mañá unha nova edición da súa iniciativa conxunta de compromiso co emprendemento. Un programa de apoio á innovación que se inclúe dentro do convenio de colaboración que rubricaron en Compostela o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e o director de banca institucional de ABANCA, Santiago Novoa.

Unha das primeiras accións que se realizarán grazas a este acordo será bolsar a metade da estancia de tres emprendedores durante un ano no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, situado no polígono de Costa Vella. Durante este tempo, os elixidos recibirán unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado e desenvolver un plan de empresa, con axuda das ferramentas de xestión necesarias e o asesoramento dos técnicos de creación de empresas da Cámara de Comercio. Unha completa proposta teórico-práctica que ten como obxectivo final poñer en marcha e garantir a viabilidade do proxecto empresarial.

O acto de hoxe tamén serviu para prorrogar a colaboración das dúas entidades. Un traballo conxunto que pon en valor as iniciativas desenvolvidas no último ano e que impulsa o apoio ao tecido produtivo da capital autonómica. Ademais, ABANCA oferta a través do convenio unhas condicións financeiras personalizadas e adaptadas ás necesidades dos emprendedores instalados na incubadora empresarial de Costa Vella. Poderán solicitar un préstamo para emprendedores, un préstamo ou leasing de novos investimentos, unha póliza de crédito ou un préstamo para o desenvolvemento formativo e profesional.

_DSC6672_resized