Manterá a súa colaboración coa Universidade de Santiago en relación ao Programa Conciencia, ao que aportará 10.000 euros
Como vén sendo tradición, o Consorcio de Santiago vai celebrar este domingo, 24 de xullo, a súa Comisión Executiva e Consello de Administración, coincidindo coa noite dos fogos do Apóstolo e o concerto institucional previo protagonizado pola Real Filharmonía de Galicia. Ambas xuntanzas estarán presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. No Consello de Administración, que previsiblemente aprobará as contas xerais do organismo relativas ao exercicio 2015, participarán os seus vicepresidentes, Pilar Platero Sanz, subsecretaria do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas; e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura.
Entre os temas que se abordarán na Comisión destaca a nova temporada da Real Filharmonía de Galicia, que se presentará aos medios o vindeiro martes, 26 de xullo, en rolda de prensa, ás 12:00 horas no Auditorio de Galicia. No acto darase conta dos 21 concertos de abono, das 15 actuacións que a orquestra vai realizar en Vigo e noutras cidades galegas; ademais de concertos nos barrios, propostas didácticas e familiares e participacións en festivais e noutras iniciativas da cidade.
Apoio ao Programa Conciencia da USC
O Consorcio de Santiago manterá a súa colaboración coa Universidade de Santiago para o desenvolvemento do Programa Conciencia de dilvulgación científica, para o que achegará 10.000 euros. O programa creouse no ano 2006 co propósito de difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que se producen intercambios de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis prestixiosas do eido internacional. Nesta edición participará o matemático francés Cédric Villani, gañador da Medalla Fields en 2010 pola súa contribución á física matemática, á xeometría e ás ecuacións diferenciais.
A Escola de Altos Estudos Musicais convoca 3 prazas para violín e 2 para viola
Por outro lado, prevese que a Comisión dea luz verde á programación da Escola de Altos Estudos Musicais, dependente do Consorcio, para o curso 2016-2017. O centro celebrará unha nova edición do Curso Avanzado de Especialización Orquestral, un curso de posgrao recoñecido como título propio da Universidade de Santiago en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia. Para acceder ao mesmo, vai haber unha convocatoria extraordinaria en setembro para as especialidades de violín (3 prazas) e viola (2 prazas), que quedaron vacantes nas probas realizadas en xuño.