O Consorcio de Santiago saca a concurso a mellora da eficiencia enerxética da fachada oeste do Pazo de Raxoi

raxoi_oesteAs empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de agosto

O Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso a obra de mellora da eficiencia enerxética da fachada oeste do Pazo de Raxoi, por un importe global de 340.590 euros. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de agosto.

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable desta obra é Xosé Allegue. Explica que este proxecto propón intervencións de mantemento destinadas a lograr a estanqueidade da fachadas e terraza oeste do edificio, ademais da mellora das condicións de habitabilidade das estancias que dan a esta fachada e, polo tanto, a mellora das condicións de traballo. Así, optimizarase o illamento térmico e acústico, propoñendo simultaneamente un tratamento paliativo da contaminación por radón e, finalmente, a mellora da eficiencia enerxética, reducindo o gasto por acondicionamento térmico.

O obxectivo principal desta actuación é a mellora da eficiencia enerxética da fachada oeste a través da renovación das carpinterías, o saneado das reixas, ademais da limpeza e saneado das fachadas. Tamén se renovarán os rexuntados que estean deteriorados para impedir a entrada da auga no interior da fábrica e no interior do edificio. Prevese ademais a consolidación dos elementos que poidan ter problemas de estabilidade ou mantemento, e a substitución ou reparación dos elementos de reforzo que poida ter a propia fábrica.

Eliminaranse as plantas superiores, algas, mofos e liques. Logo limparase toda a superficie da fachada con cepillo de esparto ou serdas e auga limpa sen presión, para non danar as xuntas nin a superficie da pedra.

Coa fachada limpa poderanse limpar en profundidade as xuntas da fábrica que teñan sido invadidas por plantas e raíces. E limpar as gretas e fisuras para eliminar todo o material de aporte tanto do vento como por parte das aves e demais colonizadores. Nas xuntas máis expostas aplicarase un hidrofugante fluorado, pola súa permeabilidade ao vapor de auga, de xeito que consenta a eliminación da humidade do interior da fábrica. Búscase así unha menor ou nula acumulación da auga da choiva e retrasar a colonización vexetal.

Renovación de carpinterías

En relación ás carpinterías, renovaranse todas as follas interiores e exteriores das ventás en madeira de castiñeiro. Por outro lado, levaranse ao taller as reixas susceptibles de seren retiradas, en particular as das balconeiras; onde se sanearán e restauraranse ou reporanse os seus ornamentos de motivos vexetais.

Tratamento antipombas

As pombas refúxianse cada día nas cornixas protexidas da fachada. Son, ademais, as aves que aportan a maior cantidade de materia orgánica, sementes de plantas, sucidade… á fachada do edificio. Por este motivo, considérase conveniente colocar algún tipo de elemento disuasorio.

Tal como salienta Allegue, “non parece que exista unha solución definitiva para este problema que non pase por un programa estable de mantemento e limpeza superficial programada dos restos orgánicos e plántulas que poidan comezar a enraizar na fábrica da fachada”. Así, proponse colocar tiras prefabricadas de dobre ringleira de pugas, sobre base de polímero transparente, complementado cun programa de limpeza de guano cada catro anos. Para isto prevese a colocación das liñas de vida e ancoraxes necesarias que consentan a realización destes labores sen necesidade de instalar andamios. Estes elementos non serán visibles dende a rúa e non danarán a fábrica.