Os concertos da vindeira temporada da Real Filharmonía de Galicia comezarán ás 20:30 horas por desexo maioritario dos aboados

4988O 43% prefire as 8:30 como hora de inicio, o 33% as 20:00 e o 24% a hora actual das 21:00 horas

Dos que non escolleron as 20:30 horas como primeira opción, o 86,7% elixiuna como segunda

O Consorcio de Santiago, organismo responsable da Real Filharmonía de Galicia, en colaboración co Auditorio de Galicia, sede da orquestra, realizou un estudo para valorar a posibilidade de cambiar os horarios de inicio dos concertos de abono da RFG. Co fin de coñecer as preferencias da maioría, enviouse unha enquisa aos 502 aboados cos que conta a orquestra esta temporada.

Dende os inicios da orquestra, no ano 1996, os concertos de abono comezan ás 21:00 horas. Na súa maioría celébranse os xoves, aínda que algún ten lugar en venres para poder compaxinar a actividade da agrupación noutras ciudades galegas, onde cada vez é máis demandada. O Consorcio de Santiago levaba tempo recibindo suxestións tanto a título individual como colectivo para adiantar a hora dos concertos. Así, de cara á vindeira temporada, testáronse as preferencias dos aboados co propósito de tratar de conciliar os distintos intereses do público que cada semana acode a desfrutar da RFG.

Da enquisa realizada, o Consorcio recibiu un total de 212 respostas efectivas, outras 6 consideráronse inválidas ao careceren do código de verificación. Isto representa unha participación algo superior ao 42%. As entidades organizadoras agradecen a estes aboados a súa colaboración, así como a de aqueles que, sen seren aboados, tamén fixeron chegar as súas suxestións.

Na primeira cuestión, relativa á hora de preferencia de inicio dos concertos, o 43% prefire as 20:30 como hora de inicio, escollendo o 33% as 20:00 e o 24% a hora actual das 21:00.

Na segunda pregunta solicitábase un segundo horario preferente en caso de non ser posible o primeiro. Do 57% que na primera opción non elixiu as 20:30, o 86,77% escolleu esta hora como segunda opción.

Por último, preguntábaselles se existía algún horario no que lles resultase imposible acudir aos concertos. Unicamente o 37% dos aboados mostrou problemas para asistir nalgún dos tres horarios ofrecidos. Do 63% restante, un 45,7% podería ir en calquera dos horarios, un 11,7% indicou non poder acudir ás 21:00 e un 5,6% ás 20:30 horas. Practicamente en todos os casos as limitacións eran de índole laboral.

Á vista dos resultados, o Consorcio de Santiago e o Auditorio de Galicia, de mutuo acordo, establecerán as 20:30 como hora de comezo dos conciertos de abono da Real Filharmonía de Galicia para a vindeira temporada 2016-2017. E realizarase unha análise comparativa coa actual no relativo a número de abonos e asistentes aos concertos para valorar manter esta hora no futuro de xeito estable.