A Cámara de Santiago participa nun proxecto que facilita a “mobilidade” de novos emprendedores e o intercambio de coñecementos con empresarios experimentados en Europa

O programa permite desenvolver unha cooperación empresarial transnacional

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela participa no proxecto IPEYE2, cofinanciado polo programa europeo “Erasmus para Jóvenes Emprendedores”. Cun equipo de socios composto por sete países (Irlanda, Francia, Grecia, Turquía, Italia e España), a Cámara de Santiago axudará na selección e ubicación de mozos e mozas emprendedores  –noveis ou potenciais emprendedores–, cun plan de negocio viable para que adquiran as habilidades necesarias e poidan crear ou dirixir con éxito unha pequena ou mediana empresa en Europa.

A técnico do departamento de Proxectos da Cámara de Comercio de Santiago, Belén Mendoza, explica que o proxecto facilitará e mellorará a “mobilidade” dos novos emprendedores e posibilitará a participación de empresarios experimentados como empresas de “acollida”.

No caso de emprendedores noveis ou potenciais emprendedores, Belén Mendoza sinala que, para optar a esta axuda que varía de cuantía segundo o país de destino, é preciso que a empresa non teña máis de tres anos de constitución, que o emprendedor fale polo menos un segundo idioma e que sexa residente permanente nun dos 37 países participantes no programa. “O emprendedor deberá estar motivado e comprometido a colaborar cun empresario doutro país participante durante a estancia para contribuír ao desenvolvemento do seu negocio e poñer a súa disposición as súas habilidades e competencias” –apunta Mendoza–.

Unha nova “visión” do negocio

O programa tamén ofrece vantaxes ás empresas locais de Santiago e do resto de Galicia ao poder validarse como empresas de acollida, sen ningún coste. Permite aos novos emprendedores adquirir e intercambiar coñecementos e ideas de negocio con empresarios experimentados, con máis de tres anos de experiencia, con quen convivirán e colaborarán durante períodos de entre un e seis meses.

“Os empresarios traballarán cun novo emprendedor cheo de enerxía e motivado que pode aportar a seu negocio ideas innovadoras, novas habilidades e coñecementos, beneficiándose dunha nova visión do seu negocio e dos coñecementos especializados que o novo emprendedor poida ter e que o empresario non domine” –apunta a técnico–.

Vantaxes do intercambio empresarial europeo

Os participantes da primeira edición do programa destacaron na súa avaliación unha serie de vantaxes deste intercambio empresarial europeo. Manifestaron que o programa permitiulles adquirir maior confianza en si mesmos e no desenvolvemento das habilidades propias, asimilar coñecementos específicos do sector e habilidades técnicas e de xestión, ademais de supoñer unha oportunidade para colaborar con outros empresarios e desenvolver unha cooperación empresarial transnacional. Consideraron tamén que o proxecto axuda a crear unha rede de contactos e relacións sólidas que poderán ser útiles para intercambiar consellos e obter recomendacións, así como para buscar socios no estranxeiro, e servir como achegamento aos distintos enfoques culturais e organizativos e ao mundo empresarial doutro país participante.

Máis información do proxecto na páxina web da Cámara:

http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=4F0Q0&p=61#.V3UDTqKAPx0

Inscrición: https://webgate.ec.europa.eu/erasmusentrepreneurs/index.cfm?fuseaction=app.welcome

Máis información do programa: http://www.erasmus-entrepreneurs.eu/?lan=es

logo erasmus