A maioría dos balnearios galegos posúen este tipo de augas
A Asociación Europea de Balnearios premia este estudo pola súa contribución ao termalismo de saúde
A Asociación Europea de Balnearios (ESPA) acaba de entregar o seu premio anual á innovación no eido do termalismo de saúde a un estudo desenvolto por investigadores galegos. Estes galardóns, que cumpren a súa terceira edición, concédense no marco do Congreso Anual da Asociación, que este ano se celebrou en Francia. O organismo, con sede en Bruxelas, integra a 1.200 balnearios de 20 países europeos.
Estes premios recompensan e dan visibilidade ás iniciativas máis innovadoras e destacadas do sector europeo do termalismo e a balneoterapia. O traballo galardoado nesta edición como Premio Especial do Xurado recoñece un estudo realizado polos investigadores da Universidade da Coruña Rosa Meijide e Ángela Vela e do Grupo de Reumatoloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) Francisco Blanco e Elena Burguera.
Este estudo aborda os mecanismos de acción das augas mineiromedicinais sulfuradas en relación ás patoloxías reumáticas, en particular a artrose. Segundo os resultados obtidos, o sulfuro de hidróxeno, que é o principio activo das augas mineiromedicinais sulfuradas, posúe efectos beneficiosos sobre a saúde. Os investigadores traballaron inicialmente no laboratorio con cultivos de células procedentes do cartílago articular de pacientes con artrose. Estas células, que se extraen cando ao paciente se lle coloca unha prótese de xeonllo ou de cadeira, por exemplo, cultívanse logo no laboratorio. Neses cultivos as células estimúlanse con sulfuro e o equipo comprobou os seus efectos antioxidantes, antienvellecemento, antiinflamatorios ou anticatabólicos (diminúe a morte celular), entre outros; de xeito que se retrasa a dexeneración do cartílago articular característica da artrose.
Os investigadores descubriron que os niveis de sulfuro de hidróxeno que producen as articulación diminúen cando hai artrose
Os investigadores están a facer agora eses cultivos con auga mineiromedicinal sulfurada e os resultados indican que os efectos son os mesmos, de xeito que se podería chegar a deter a evolución da artrose. O seguinte paso será probar estes resultados en ratas.
Por outro lado, recentemente descubriuse que o corpo humano produce sulfuro de hidróxeno e estase a estudar o seu papel no organismo. Nas articulacións tamén se produce e os investigadores galegos detectaron que os seus niveis diminúen cando hai artrose.
Os balnearios galegos son ricos en augas sulfuradas
Para desenvolver este estudo, os investigadores colaboran con boa parte dos balnearios galegos que teñen augas sulfuradas. Trátase dos balnearios de Carballo e Compostela (Brión), na provincia da Coruña. Na provincia de Lugo están o de Guitiriz, as Termas Romanas de Lugo e o balneario Oca Augas Santas (Pantón). Na provincia de Ourense empregan augas do balneario de Arnoia. E na de Pontevedra as augas de Caldas de Reis (balnearios Acuña e Dávila) e das Termas de Cuntis.
Estes resultados foron presentados en diversos congresos internacionais, entre eles o Congreso Anual da Sociedade Internacional de Investigación da Osteoartrite ou no da Sociedade Internacional de Hidroloxía Médica; e teñen dado lugar a unha Tese de Doutoramento e a varias publicacións científicas.