O embaixador de Turquía en España visita a Cámara de Comercio de Santiago para potenciar as relacións comerciais en todos os sectores de actividade

A cobertura comercial de España e de Galicia é positiva, “cun recoñecemento claro da marca España asociada a unha imaxe de calidade e fiabilidade”

O presidente da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, Jesús Asorey, o secretario xeral, Fernando Barros, e o técnico de comercio exterior da entidade, Fernando Pérez-Soba, reuníronse hoxe na sede cameral co embaixador da República de Turquía en España, Ömer Önhon, a conselleira Comercial da Embaixada, Fatma Kayhan, e o cónsul honorario de Turquía en Galicia, Francisco Peleteiro. Analizaron as relacións comerciais e as oportunidades de negocio que ofrecen ambos territorios.

Jesús Asorey explicou que a Cámara de Santiago organiza habitualmente misións comerciais a Turquía para favorecer as exportacións das empresas galegas no país, aínda que indicou que é preciso potenciar máis estas relacións comerciais.

O presidente comentou que a Cámara xa manifestou publicamente o seu pesar pola marcha da aerolínea Turkish do aeroporto de Lavacolla e de Galicia, coa que se asinara un convenio de colaboración para favorecer especialmente ás empresas que traballan en materia de comercio exterior.

Pola súa parte, Ömer Önhon sinalou que o volume global de intercambio comercial entre España e Turquía foi en 2015 de 9.700 millóns de euros, e o intercambio entre Galicia e Turquía cifrouse o pasado ano nuns 700 millóns de euros. A pesar destes resultados óptimos, o embaixador de Turquía salientou que é preciso mellorar as cifras e potenciar as relacións con todos os sectores de actividade. En concreto, o embaixador destacou que actualmente xa se establecen intercambios comerciais nos sectores do téxtil, automóbil e naval.

Turquía ten na actualidade 80 millóns de habitantes, cunha alta porcentaxe de poboación xuvenil. “Turquía é un mercado de consumo fundamental próximo a Europa que ocupa unha posición estratéxica e decisiva” –apuntou Pérez-Soba–. Tamén manifestou que esta situación provoca que a cobertura comercial de España e de Galicia sexa positiva, “cun recoñecemento claro da marca España asociada a unha imaxe de calidade e fiabilidade”.