A Escola de Altos Estudos Musicais realizará novas probas en setembro para cubrir dúas prazas de violín e dúas de viola do curso de posgrao de especialización orquestral

concerto (1)Estas prazas quedaron vacantes nas probas celebradas este mes

Os estudantes admitidos neste curso fan prácticas coa Real Filharmonía de Galicia

O Curso Avanzado de Especialización Orquestral impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

Un total de 155 rapaces presentáronse ás probas de selección para acceder a algunha das 18 prazas ofertadas para o novo curso 2016-2017: 6 prazas para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 praza para as especialidades de contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Foi a participación máis elevada de todas as convocatorias, o que constata o grande interese que suscita este curso entre os xoves intérpretes.

As probas, realizadas ao longo deste mes, consistiron nunha audición na que os candidatos tiveron que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado. De todas as prazas ofertadas, quedaron vacantes dúas de violín e as dúas de viola. “O nivel esixido levou ao tribunal a deixar desertas estas prazas” -indican dende a Escola-. Así, no mes de setembro realizaranse unhas probas extraordinarias co propósito de cubrir estas vacantes, que se convocarán no mes de xullo.

Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participan nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, tocan en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”.

Tal como salientan dende a Escola, o éxito de curso reflíctese no feito de que boa parte dos alumnos de anteriores edicións xa lograron o seu obxectivo de integrase nunha orquestra profesional, tanto en agrupacións nacionais como doutros países.