“Temos que poñer en valor a nosa tradición de exiliados ilustrados, exportadores e emigrantes cosmopolitas e emprendedores”
Ofrecerá mañá martes-28 unha conferencia na Cámara de Comercio de Santiago, ás 20:00 horas
O presidente de Filmanova, o artista multimedia e director de vídeo, televisión e cine Antón Reixa (Vigo, 1957) falará mañá martes, día 28, na Cámara de Comercio de Santiago sobre “Cultura, empresa e internacionalización”, no ciclo de conferencias aberto pola entidade para analizar a situación económica, social e cultural de Galicia. Será ás 20:00 horas no salón de actos da sede en San Pedro de Mezonzo. O presidente da Cámara, Jesús Asorey, inaugurará o acto ao que asistirán membros do pleno cameral, empresarios composteláns e outras personalidades do ámbito cultural galego.
Antón Reixa manifesta que para acadar un fortalecemento da estrutura da industria cultural galega son necesarias, ademais de contar co talento e a creatividade dos creadores locais, diversas subvencións. “As axudas públicas diminuíron desde 2009 aproximadamente un 40%. Débese á estigmatización ideolóxica da cultura e a non entender que a cultura é máis do 4% do PIB” –explica–.
Para solventar esta situación de precariedade no sector cultural, Antón Reixa considera que as empresas culturais galegas deben apostar pola “imprescindible” internacionalización. “Demograficamente somos un país pequeno para soster un sistema cultural completo e complexo. Temos que poñer en valor a nosa tradición de exiliados ilustrados, exportadores e emigrantes cosmopolitas e emprendedores. Os avances son, polo momento, pequenos” –indica–.
Ademais de todos estes aspectos, Antón Reixa asegura que para que a industria cultural galega funcione axeitadamente os seus creativos deben crear “sen inhibición”, pero identificando en todo momento ao destinatario da súa obra para poder sacar adiante o proxecto.