Os arquitectos de Ourense, Pontevedra e Vigo teñen de prazo ata o vindeiro 8 de setembro para entregar a documentación
Os gañadores coñeceranse en setembro e o acto de entrega de diplomas celebrarase en Pontevedra no mes de outubro
As Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia organizan conxuntamente a décimo sexta edición dos “Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2016”. O acto de presentación das bases desta nova convocatoria do certame, que se celebrou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, estivo dirixido polo presidente da entidade colexial de Ourense, Alberto de Paula, e os titulares dos colexios de Pontevedra, Manuel Abelleira, e de Vigo, Antonio Davila. Ademais asistiron á presentación o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez.
Estes galardóns supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e tan necesario” de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade –arquitectos, promotores, construtores e aparelladores–. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor do contorno”.
Alberto de Paula explicou que o certame trata de recoñecer o traballo “ben realizado”, nuns tempos complexos nos que se move o mundo da arquitectura. “A pesar das dificultades, asombrámonos da gran calidade arquitectónica das obras que se están a facer por todo o territorio galego, moitas delas feitas desde o anonimato, sen retóricas superfluas, con medios escasos pero que están ben pensadas. Son premios cos que queremos valorar eses pequenos grans de area, esas obras de arquitectura espalladas polo noso territorio que fan que vivamos, traballemos e gocemos máis e mellor” –destacou–.
Nesta edición, a Delegación de Pontevedra é a responsable da organización da convocatoria. O criterio de selección será establecido polo xurado, que poderá valorar a totalidade do proxecto ou, unicamente, un determinado aspecto da obra que aporte un carácter singular ou de valor: tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio, entre outros aspectos.
O xurado estará composto polos presidentes das tres delegacións, un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa Xunta Directiva, un colexiado seleccionado entre os premiados nos Premios “Gran de Area” da edición anterior –consensuado polas delegacións–, e o secretario da delegación de Pontevedrao que actuará con voz pero sen voto.
Os gañadores ofrecerán un ciclo de conferencias durante os meses de outubro e novembro
Poderán optar aos premios todos os arquitectos colexiados, con proxectos redactados ou obras finalizadas na provincia de Pontevedra e Ourense, ata o último día de presentación válida desta edición, e que non foran presentadas en edicións anteriores do certame. Cada arquitecto poderá presentar tantas obras como estime oportunas, cos datos relativos a promotores, construtores e aparelladores que o arquitecto considere tamén merecedores de recoñecemento. O prazo de inscrición e presentación da documentación dos proxectos rematará o 8 de agosto ás 14:00 horas.
Os premios fallaranse no mes de setembro. En outubro celebrarase un acto de entrega de diplomas en Pontevedra para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias impartidas polos premiados, durante os meses de outubro e novembro (lugar de celebración aínda por definir).