A Academia Galega de Belas Artes presenta a rehabilitación do claustro do convento de San Francisco en Ourense aos Premios de Arquitectura e Rehabilitación 2016 convocados pola Xunta de Galicia

Os arquitectos José Manuel Casabella e José Luis Martínez Raído proxectaron unha limpeza dos muros, a reintegración das faltas de material nos pavimentos, a conservación do conxunto de vidreiras e a recuperación do xardín interior

O resultado final permite a posta en valor e a “musealización” do claustro

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) propón a candidatura do proxecto de acondicionamento e acceso ao claustro gótico do convento de San Francisco en Ourense á primeira edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2016, como entidade membro do xurado do certame. É unha obra realizada polos arquitectos José Manuel Casabella, membro da sección de arquitectura da Academia, e José Luis Martínez Raído entre xuño e decembro de 2012. A intervención competirá na categoría de Premio Galego de Rehabilitación, distinción dotada pola Xunta de Galicia con 6.000 euros.O proxecto, encargado pola xerencia de Infraestructuras y Equipamientos de Cultura do Ministerio de Cultura, ten por obxecto acondicionar e abrir ao público o claustro gótico do antigo Convento de San Francisco, situado na rúa Emilia Pardo Bazán. O espazo principal, onde se concentra a verdadeira orixe da actuación, foi obxecto dunha mimada intervención para a súa restauración e posta en valor. O claustro de estilo románico-gótico do século XIV é o máis autóctono e completo de Galicia onde se poden ler escenas de guerra e caza, temas eclesiásticos, ou mesmo recoñecer as follas das árbores galegas e un sinfín de animais reais e fantásticos. Ademais, nas súas paredes consérvanse diversos lucillos funerarios, as columnas da sala capitular e o destacable acceso á capela funeraria dos Sandoval baixo un gran arco festonado.

Todos estes elementos, ao igual que o conxunto do claustro, foron restaurados cun proxecto de intervención que comprende varios campos e que afecta de maneira substancial ao ben, ao visitante e ao contorno, de modo que o conxunto histórico cobra un protagonismo especial. Realizáronse traballos de limpeza de carácter superficial, unha reintegración das faltas de material nos pavimentos e a conservación de decoracións superficiais. Neste punto, reconstruíuse o conxunto de vidreiras, situado na sala capitular, composto por cinco vanos totalmente recuperados por mestres vidreiros e que é un dos focos principais de atención do conxunto.

Ademais do seu acondicionamento, recuperouse o representativo xardín flanqueado por catro grandes palmeiras, habitual escenario de celebracións e lugar de repouso para os ourensáns. O resultado final permite a posta en valor e a “musealización” do claustro asegurando a súa vez a calidade na conservación do enclave.

Creación dun acceso efémero ao claustro

En relación ao acceso ao claustro, os arquitectos optaron por unha intervención efémera coa construción dunha pequena peza de arquitectura que se converte en acceso principal ao claustro durante as obras de rehabilitación do futuro Arquivo Histórico Provincial de Ourense. A actuación dirixe os seus esforzos en definir unha entrada segura e alternativa á convencional, aproveitando un lugar privilexiado e de gran carga simbólica como é a nave principal da desaparecida Igrexa de San Francisco.

O conxunto edificado componse de varias naves desenvoltas ao redor de ambos claustros que se abren a eles a través de ocos (ventás e portas) que están acristalados para evitar interferencias entre os visitantes e as futuras obras do resto do convento. Os arquitectos sinalan que o obxecto deste proxecto é independizar ao claustro do resto do edificio, garantindo a “seguridade das visitas” e o goce da beleza do claustro.

Na busca do diálogo co preexistente, a necesidade de asentarse de forma sutil, de ceder todo o protagonismo ao interior do claustro e a posibilidade de reutilización sostible de materiais acopiados no lugar foron os condicionantes polos que xorde a proposta, definindo unha peza de “gran sinxeleza volumétrica e construtiva” que recibe ao visitante nun lugar cuxo contido espacial vese encerrado por catro muros pétreos, preámbulo do que vai descubrir unha vez dentro do recinto claustral.

O acceso compúxose cun cubo de 5×5 metros de lado, construído con sillares de pedra de 20×40 centímetros, de lonxitudes variables e colocados en forma de óso, que conforman un espazo pétreo e misterioso perforado con dous tubos de aceiro que facilitan o acceso e percorrido peonil entre a rúa e o claustro. O pavimento defínese con pezas de granito e a cuberta está formada por unha celosía metálica.